A comunidade internauta volveu elixir este Nadal a Palabra Galega do ano: cantareira

27 Decembro 2024

A Real Academia Galega (RAG) e a Fundación Barrié abriron o pasado mércores 11 de decembro, no Portal das Palabras, a fase da votación popular para decidir a Palabra do Ano 2024. Neste ano as nomeadas foron aparvar(se), cantareira, dina, emerxencia climática, fala e meu ou miña. A fase de votación rematou o 25 de decembro e o día 27, venres, deuse a coñecer finalmente o termo gañador, que resultou ser cantareira. Así figura dende xa no Portal das Palabras da RAG.

A xeito de curiosidade dicir que nas edicións anteriores foron elixidas: cibercarracho (2023) comadre (2022), tanxugueiras (2021), nós (2020), sentidiño (2019), deseucaliptización (2018), afouteza (2017), irmandade (2016), refuxiado/-a (2015) e corrupción (2014).

A Academia fixo saber que a resolución do proceso para elixir a Palabra do Ano 2024 foi “unha chamada colectiva a ollar con ilusión cara ao futuro cando está a piques de comezar un novo período de doce meses no Galicia enteira lles ha render homenaxe ás mulleres que ao longo dos séculos mantiveron vivo, transmitiron e arrequeceron o cancioneiro popular e o idioma do país”.

Segundo explica a RAG, a palabra cantareira(s) designa as protagonistas do Día das Letras Galegas 2025, festa que a Academia dedicará á poesía popular oral e ás mulleres que cantan e crean cantigas. E engade: “O anuncio o pasado mes de xullo desta decisión acadou unha enorme repercusión social, seguramente sen precedentes, que amosa o recoñecemento da súa contribución á creación e á conservación dun tesouro patrimonial colectivo, no que poesía e música son dúas partes indisolubles, mais a acollida desta elección tamén apela ás novas xeracións de intérpretes e creadoras e creadores que beben deste herdo dun pobo que segue a cantar en galego, e que atopa nesta forma de expresión unha maneira contemporánea e vivificadora de proxectar no mundo toda a súa creatividade e potencia cultural, que ten como cerna a lingua galega”.

A celebración do vindeiro 17 de maio personificarase nas figuras de Adolfina e Rosa Casás Rama (Cerceda), Eva Castiñeira (Muxía) e en tres das cinco Pandeireteiras de Mens (Malpica de Bergantiños), Prudencia e Asunción Garrido Ameijende e mais Manuela Lema Villar, por seren as que faleceron hai máis dunha década. As tocadoras de Cerceda e Malpica foron parte das 600 persoas informantes do Cancioneiro popular galego publicado nos anos 80 do século pasado pola musicóloga Dorothé Schubarth (1944-2023) e o académico Antón Santamarina, que recolle dende cantos de labor, de Nadal e Reis ou arrolos ata parrafeos, regueifas e romances, todos eles vivos aínda na memoria de mulleres e homes que medraran nunha sociedade tradicional. A investigadora suíza, tras pasar uns meses en Andalucía e o País Valencià, chegou a Galicia en 1978 á procura de melodías arcaicas. O que atopou abraiouna de tal maneira que ficou ata 1986 gravando cantos en aldeas de oitenta e oito concellos, para o que contou co apoio económico fundamental dunha bolsa de Fundación Barrié, entidade que se ocupou ademais da edición da obra.

Indo ao resto de candidatas deste 2024, o termo aparvar(se), xorde da crecente preocupación polos efectos do consumo excesivo de contidos nas redes sociais, as análises sobre esta tendencia global están a xerar neoloxismos (a miúdo préstamos do inglés), pero o vocabulario patrimonial achega solucións como o caso do verbo aparvar(se): ‘quedar parvo ou sen capacidade de discorrer’, na forma intransitiva, ou ‘pór coma parvo, deixar sen capacidade de discorrer a [alguén]’, na transitiva. Conta con varios sinónimos tamén ben expresivos como: atrosmarse, emparvecer ou parvear.

Outra das palabras finalistas foi dina, un concepto que non se poderá esquecer, substantivo formado a partir do acrónimo da locución depresión illada en niveis altos. As siglas escríbense en principio con maiúsculas e sen punto, mais cando o seu uso se fai moi frecuente acaban converténdose en unidades lexicalizadas, como aconteceu con este termo por mor da devastadora dina que sufriu especialmente a Comunitat Valenciana o pasado novembro.

Outra palabra que xorde por mor dos fenómenos atmosféricos extremos é: emerxencia climática. Estoutra candidata á Palabra do Ano 2024 alerta das graves consecuencias do cambio climático para todo o planeta e chama á acción colectiva para frealo.

O substantivo fala, fíxose un oco entre as candidatas a causa da preocupante situación da lingua galega. Coa súa sinxeleza e rotundidade, a voz popular que designa a “lingua natural propia dunha comunidade humana” funciona en Galicia como sinónimo pleno do idioma propio do país. Fala define ademais a “facultade de falar” e resume un desexo positivo para a nosa fala no 2025.

E seguindo coa oralidade, outra verba das que resultaron finalistas é: meu, ou miña, como alternativa de noso ao anglicismo *bro, apócope de brother (‘irmán’). Este posesivo ten un uso tradicional oral, sen artigo, en exclamacións ou vocativos que buscan implicar ao receptor na conversa, denotando familiaridade e proximidade afectiva. Xera así expresións como Que me dis, meu? ou Miña, imos á festa?, semellante ao emprego de ho! ou, cun uso cinguido a territorios máis concretos, né ou ché.

Engadir que o Portal das Palabras é o proxecto da RAG e a Fundación Barrié para a modernización do traballo lexicográfico e a divulgación da nosa lingua. Cada semana achega xogos e outros contidos divulgativos que conectan o léxico galego coa realidade cotiá e a actualidade dun xeito ameno. A palabra do día é outra das seccións deste espazo aberto ao diálogo coas persoas usuarias.

Dentro das iniciativas compartidas para a difusión da lingua, a RAG e a Fundación Barrié, ademais do Portal das Palabras ofrecen ao público o Ximnasio Léxico, unha aplicación de xogos do Dicionario, dispoñíbel para dispositivos Android e iOS.

Outros artigos

Falece un ciclista tras sufrir unha caída nunha pista forestal en Cee

A vítima formaba parte dun grupo de sete persoas que percorría en bicicleta o Camiño a Fisterra Un ciclista perdeu a vida esta tarde no concello coruñés de Cee tras precipitarse da súa bicicleta mentres realizaba o Camiño de Santiago en dirección a Fisterra xunto a un...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

“La sociedad deslumbrada”. Alberto Barciela

LA SOCIEDAD DESLUMBRADA Es más que probable que estemos viviendo deslumbrados, ciegos de tanta luz y de tanta pantalla, concibiendo ilusiones y expectativas vanas, ofuscados, enceguecidos. Creo que la palabra que todo lo puede sintetizar, al menos lo que quiero...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.