Dous efectivos especializados do Grupo de Emerxencia Supramunicipal (GES) do Concello de Muros saíron esta mañá para a zona afectada pola DINA (siglas de Depresión Illada en Niveis Altos) con material. Con eles levan un vehículo da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Muros e un remolque do Concello de Muros; unha bomba de achique somerxíbel; unha bomba de achique de gran caudal; palas; sachos; botas; mangueiras; equipos de iluminación; EPIS de seguridade; escobóns; capachos; mascariñas e luvas.

Este martes 5 de novembro reuníronse cos integrantes do GES (antes de partir) a alcaldesa de Muros, María Lago, e a concelleira de Seguridade, Sandra Maneiro. “Desde o martes pasado, no concello tiñamos claro que Muros ía estar alí axudando e colaborando cos medios que temos, pero queríamos facelo dunha forma efectiva e coordinada, planificar ben as cousas”, explica María Lago.

En coordinación coa ONG IAE e AXEGA, decidiuse que o envío de GES e o material que utilizan “é a día de hoxe o máis urxente e prioritario”, engade a alcaldesa.

“Quero destacar que para que os dous efectivos que mandamos poidan ir, os que quedan aquí tamén aportan suplíndoos no seu posto, aumentando horarios se é necesario, unha moi boa predisposición por parte de todos”, sostivo María Lago.

Na mesma liña incidiu Sandra Maneiro: “Foi un operativo moi difícil de coordinar, xa que van estar alá moitos días, pero gracias a disposición tanto do Concello de Muros, como de todos os membros do GES Muros, que se ofreceron a cubrir a falta dos compañeiros durante a súa estancia en Valencia, foi posíbel mandar este equipo”, agradecendo “que Protección Civil nos doase o vehículo”.
A alcaldesa de Muros lembra ademais que “a doazón máis valiosa que agora mesmo pode facer o concello de Muros é poñer os nosos efectivos de emerxencias a disposición das necesidades, sempre tentando traballar coordinados e en colaboración coas demais administracións implicadas”.




