Os premios do palmarés e homenaxes ao Xurelo de Anxo Vila e á industria conserveira do Barbanza pecharon a Mostra Mares da Fin do Mundo

04 Novembro 2024

A VII Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo celebrou a última das cinco xornadas programadas este domingo 3 de novembro. O evento, organizado pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo e patrocinado pola Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Ribeira, arrancou a última xornada coa derradeira saída programada das históricas embarcacións Joaquín Vieta (balandro) e Chasula (tarrafa), permitindo aos asistentes desfrutar das paisaxes da ría de Arousa.

As sesións da tarde comezaron co pase da sección Popa, dedicada á proxección de arquivos e filmes históricos. A sección contou coa colaboración da Cineteca de Bologna, a través da proxección de catro filmes que forman parte dunha serie de curtametraxes documentais que o gran cineasta italiano Vittorio De Seta rodou a mediados do século pasado na illa de Sicilia. Trátase de catro obras neorrealistas nas que o mar e a pesca ocupan un lugar central. As obras proxectadas foron: O tempo do peixe espada (1954), Illas de lume (1954), Campesiños do mar (1956) e Barcos de pesca (1958). Ademais destes catro filmes, proxectouse unha entrevista realizada a Vittorio De Seta no marco do festival II Cinema Ritrovato no ano 2006.

A continuación, comezou o acto de clausura desta VII edición de MDFDM coa entrega de premios aos filmes gañadores da Competición Oficial. O xurado, composto por Ángel Sánchez, Xisela Franco e Brais Romero, decidiu outorgar o Premio a Mellor Película (trofeo Heroínas de Sálvora e unha dotación económica de 2 000 €) a Koka, de Aliaksandr Tsymbaliuk”, “un filme que, a través dun delicado, honesto e sutil uso da cámara, fainos partícipes do estreito e tenro vínculo entre un pai e un fillo, achegándonos un retrato conmovedor cunha cinematografía exquisita e un deseño sonoro envolvente que nos transporta á vida cotiá dunha aldea costeira que parece vivir fóra do tempo”. Así mesmo outorgou unha mención especial a Percebes, de Alexandra Ramires e Laura Gonçalves, “pola súa orixinalidade no seu achegamento ao percebe, pola súa elegancia no uso da acuarela e da animación 2D, e por presentar con frescura e gran sentido do humor o ciclo de vida deste molusco tan apreciado, ao tempo que amosa unha mirada crítica sobre a realidade do turismo no Algarve”.

O Premio do Público (trofeo O Faro e unha dotación económica de 1 000 €) da sétima Mostra Mares da Fin do Mundo, outorgado polos asistentes ao festival a través das súas votacións, foi para Vogage de Documentation de Madama Anina Conti, de Louise Hémon.

Durante o acto de clausura entregáronse tamén os diplomas ás alumnas participantes no Obradoiro de Cinema con Móbiles, onde da man de Marcos Gallego, Raquel Enríquez e Eva Lodeiro, tomaron contacto coa cinematografía e o tratamento narrativo do seu entorno patrimonial, social e medioambiental. A continuación proxectouse O Xurelo: un barco de valentes, filme realizado durante o Obradoiro polas alumnas do IES No 1 de
Ribeira Noa Caamaño Caamaño e Alba Lustres Fariña nesta actividade de formación de novos públicos. No filme as directoras homenaxean ao patrón ribeirán Anxo Vila e á súa tripulación, que, a bordo do Xurelo, convertéronse en referentes da loita ambiental denunciando o vertido de residuos radioactivos na foxa atlántica.

Como colofón a esta VII edición de MDFDM, proxectouse Voces da Conserva, de Lesmes Iglesias (España/Galicia, 2023), filme que narra o auxe da salgadura e os comezos da conserva hermética en Barbanza–Arousa, dende os pioneiros e fomentadores autóctonos ata os emprendedores chegados de Cataluña. O filme aborda tamén a transformación do sector e os cambios provocados por crises, conflitos e guerras, así como o valor da industria e do produto como eixes do desenvolvemento económico e base da subsistencia da poboación durante máis dun século.

A organización do certame rematou o evento facendo balance desta convocatoria: “Esta primeira edición da Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo celebrada en Ribeira, deixounos grandes sensacións. Ribeira, ao igual que a Mostra, é unha vila estreitamente vinculada ao mar e á súa cultura e tradición marítima. Agradecemos a todas as persoas que nos acompañaron estes cinco días, e animamos a todo o mundo a volver á VIII edición lembrando unhas palabras de Luís Pérez, alcalde de Ribeira, cando na inauguración citaba: convirtamos este festival no evento que engrandeza a cultura e a inmensidade do mar que nos rodea”.

A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Ribeira. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

Outros artigos

Noia legaliza o seu Punto Limpo

O Concello de Noia vén de culminar o proceso de legalización do Punto Limpo municipal, poñendo fin a unha situación administrativa que segundo lembrou o Goberno local, “víase arrastrando desde hai anos”. A legalización constitúe “un paso importante para mellorar a...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

“El Principio de Peter en Ceuta”. José Castro López

En 1969 Laurence J. Peter formuló el principio que lleva su nombre según el cual, enuna estructura jerárquica, los empleados llegan al nivel de incompetencia cuando sonascendidos a puestos para los que ya no están capacitados. El pedagogo canadienseformuló su teoría...

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

“Os dereitos de todos”. Luís Celeiro

Ela e o seu marido fóronse vivir a Ceuta hai uns cantos anos, recen casados e sen fillos. Nun daquelescuarteis estivera destinado Marcial, como soldado forzoso e antimilitarista confeso. Ao volver da“mili”, e despois de tempadas longas traballando no mar ou na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.