
A voceira do grupo municipal do Partido Popular en Ribeira, María Sampedro, acompañada polos concelleiros Víctor Reiríz, Ana Barreiro e Juana Brión, mantivo na tarde deste mércores 13 de novembro unha xuntanza de traballo coa Confraría de Pescadores de carreira e Aguiño coa finalidade de coñecer de primeira man as demandas do sector e as propostas de importancia de cara ao futuro.
As/os populares aproveitaron esta xuntanza para anunciar á representación da entidade a súa intención de solicitar un pleno extraordinario solicitando a máis alta distinción do noso concello, a Medalla de Ouro, coma “recoñecemento ao labor realizado pola entidade nos seus cen anos de vida, dende os seus inicios ata o día de hoxe”. Engadiron que “os motivos económicos, sociais e culturais sustentan a base dun mérito que foi logrado co traballo e o esforzo de varias xeracións que conseguiron que a entidade sexa hoxe un referente dentro de fora das nosas fronteiras por profesionalidade, produto de calidade e innovación tecnolóxica”.
Sampedro sinalou que a proposta ‘foi moi ben recibida polos representantes do pósito, como motivo de orgullo e recoñecemento a un traballo que, en moitos, casos pasou de pais a fillos e polo que pelexaron, e pelexan, familias enteiras; non moitas entidades están en disposición de celebrar o seu centenario avaladas por numerosos logros, avances e méritos ao longo de tanto anos, mentres se sortearon con éxito épocas de grandes dificultades tanto económicas coma sociais´.
Os populares tamén agardan que “sexa unha iniciativa ben recibida por parte do resto de grupos posto que logo da celebración do seu recente centenario mostrouse un apoio unánime por parte de todos e, dende logo, hai propostas que non teñen lugar ás diferenzas ideolóxicas’.
Propostas do sector
Na referida xuntanza tamén se falou das melloras en infraestruturas portuarias ou nas prioridades a corto prazo sobre as que se está a traballar dende a confraría. Os concelleiros mostraron interese en coñecer os detalles das obras que se están a realizar no local da confraría así como da situación do estado do recurso. Amais, suxeriron solicitar a convocatoria dun Consello Local de Pesca para tratar outros temas que preocupan á entidade e que precisarían de implicación por parte de diferentes administracións para mellorar nas condicións de traballo diario así como na preservación e o coidado do recurso. A intención é que a través de esa xuntanza poida manifestarse a necesidade de esa unión e entendementos na que tamén podería implicarse a Xefatura Comarcal da Consellería do Mar.



