O futuro da pesca e as novas relacións do mar co audiovisual centraron a 2ª xornada da Mostra Mares da Fin do Mundo

01 Novembro 2024

A segunda xornada da VII Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo, celebrada este xoves 31 de outubro, comezou ás 10:00 h co panel do mar na sala polivalente do Auditorio de Ribeira. A sesión consistiu nunha serie de relatorios presentados polo director da Mostra, Marcos Gallego, nos que se abordou a situación da industria pesqueira na actualidade, analizando o impacto económico e social da pesca e as súas perspectivas de futuro. Para esta actividade contouse coa presenza de Ángel Calvo Santos, adxunto da Dirección Xeral de Asuntos Marítimos e de Pesca da Comisión Europea (DG Mare), que presentou o informe 2024 Annual Economic Report of the EU fishing fleets; Gonzalo Rodríguez Rodríguez, profesor titular de Economía Aplicada na USC, co relatorio Dilemas da pesca artesanal, dende a súa propia definición, e Rosa Chapela Pérez, directora do Centro Tecnolócico do Mar – CETMAR, co relatorio A situación xeral da pesca, acuicultura e marisqueo e a relación destes sectores coa ciencia e novas formas de diversificación como as que oferta a economía azul.

Deseguido, tivo lugar o faladoiro audiovisual Marea de contidos, un espazo creado para achegar aos presentes ás novas realidades sobre a produción audiovisual e cinematográfica centrada no mar e na pesca artesanal local. Os asistentes tiveron a oportunidade de ver unha serie de curtas que poñen en valor o patrimonio pesqueiro e costeiro da ría de Arousa. En concreto, proxectáronse: A xouba de Rianxo e arte do xeito, Voces da conserva e Mar de redes, títulos promovidos polo Concello de Rianxo, a Mancomunidade Barbanza Arousa e o IES Félix Muriel, respectivamente. Unha vez rematadas as proxeccións, levouse a cabo un diálogo entre os representantes dos filmes, Julián Bustelo (alcalde de Rianxo), Miguel Ángel Vidal (responsael da Sala Museo Municipal de Ribeira), Lucía Otero Serramito (alumna do IES Félix Muriel), Rafael Saco (profesor do IES Félix Muriel) e o divulgador e pescador Rogelio Santos Queiruga coma moderador.

Xa pola tarde, no Auditorio de Ribeira, comezou a proxección dos primeiros filmes participantes na Competición Oficial, na que este ano concorren un total de quince títulos de doce nacionalidades diferentes e falados en múltiples linguas (con subtítulos en galego). Nesta xornada, o público puido ver un total de oito obras, divididas en dous bloques. No primeiro bloque da Competición Oficial proxectáronse 4 documentais, comezando con 4 AM, de Kuba Zalewski (Polonia, 2023), unha obra que explora o fráxil equilibrio entre a tradición, o sustento e os desafíos ambientais que ameazan o modo de vida dun pai e o seu fillo, pescadores no mar Báltico. A continuación, foi a quenda de Mermaid, de Eilif Bremer Landsend (Noruega, 2023), ambientada nas illas Lofoten, unha curta que presenta unha historia sutil e sorprendentemente visual sobre o relevo xeracional na pesca. O terceiro filme da sesión foi Todo lo cubre la sal, de Joana Moya (España, País Vasco, 2023), que pon o foco nas 57 redeiras que traballan nas costas de Euskadi ao xeito tradicional. O bloque pechouse con Aimer la mer à Gaza, de Sarah Katz e Samia Ayeb (Francia/Palestina, 2024), unha obra que amosa a realidade da pesca en Gaza, un enclave duramente golpeado pola historia recente. A directora Sarah Katz agasallou aos presentes coa súa presenza nas primeiras xornadas da Mostra, presentou o filme e participou, conxuntamente co activista Pierre Stambul, nun coloquio co público ao rematar a proxección.

O segundo bloque comezou coa proxección de Blow, de Neus Ballús (España, Cataluña, 2023), unha obra que documenta a viaxe de Mar xunto a un equipo de investigación para poder gravar o son das baleas. Pola súa banda, Percebes, de Alexandra Ramires e Laura Gonçalves (Portugal/Francia, 2024), destacou por ser o primeiro filme de animación presentado na competición da Mostra, ofrecendo un retrato da vida no Algarve a través do ciclo dos percebes. Deseguido, proxectouse Das Áugas, de Adalberto Oliveira e Tiago Martins Régo (Brasil, 2023), unha obra que retrata a vida diaria e a identidade cultural de mulleres e homes que dependen da pesca no río Capibaribe, en Recife, Pernambuco. Pechouse este segundo bloque coa proxección de Oro Rojo, de Milton Ferreira Monteiro (Arxentina, 2023), un filme que plasma o traballo de Darío Bravo e os seus fillos navegando no Canal Beagle na procura da centola fueguina, unha especie ameazada pola sobrepesca nas costas austrais.

Ao longo desta segunda xornada contouse coa presenza dunha delegación do IES Félix Muriel de Rianxo, no marco dunha colaboración que veñen desenvolvendo coa Mostra, orientada aos Obradoiros de Cinema con Móbiles e ao proxecto europeo Escolas Azuis.

A Mostra Internacional de Cinema Documental Mares da Fin do Mundo está organizada pola Asociación Cultural Mares da Fin do Mundo, coa colaboración na dirección e produción de ABA Films e o apoio, entre outros, da Deputación da Coruña, a Dirección Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia e o Concello de Ribeira. Así mesmo, MDFDM forma parte de Proxecta (Coordinadora Galega de Festivais de Cinema, integrada na federación estatal Pantalla).

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

Na Administración hai informes preceptivos, que compre solicitar para completar determinados procedementos. E estes poden ser vinculantes ou non, segundo haxa que facerlles caso, ou a resolución pode disentir deles. Desde o concello de Lugo chaman a votar sobre o nome...