O Concello de Porto do Son presenta a nova edición da súa histórica carreira Sin-Son 10k

28 Novembro 2024

O Centro de Interpretación do Castro de Baroña (Porto do Son) acollía hoxe, xoves 28 de novembro, o acto de presentación da carreira Sin-Son 10k 2024, unha edición que contará con Adrián Ben como padriño de luxo. Cómpre dicir que no evento de hoxe participaron: o rexedor de Porto do Son, Luis Oujo Pouso; o concelleiro de Deportes, Carlos Lorenzo Blanco; o técnico de Deportes, Luis Otero Malvárez; e Ezequiel Mosquera, xerente de Emesports, empresa organizadora da cita.

Indo á proba, informar que terá lugar o 22 de decembro e que xa conta con máis de 1.300 persoas inscritas entre todas as modalidades e como o pasado ano, incluirase no calendario oficial de probas da Federación Galega de Atletismo.

En canto ao padriño desta carreira, Adrián Ben, campión europeo de atletismo en pista cuberta e diploma olímpico, será o convidado especial desta edición, na que a organización confía en volver a pendurar o cartaz de completo e reunir a preto de 2.000 persoas.

A SinSon 10k, como proba xa consolidada, conta cun elenco de atletas convidados que participaron en anteriores edicións nos que figuran nomes tan ilustres como: Martín Fiz, Solange Pereira, Chema Martínez, Esther Navarrete, Iván Raña, Edymar Brea ou a campioa do mundo de duatlón, Joselyn Brea e un dos mellores atletas nacionais, Reyes Estévez.

Na presentación, o concelleiro de Deportes, Carlos Lorenzo, tamén quixo facer mención e lembrar a figura de José Manuel Deán Pouso, concelleiro falecido o pasado mes de xuño e un dos impulsores desta carreira.

O prezo das inscricións permanecerá en 10 euros até o vindeiro 2 de decembro. A partir desa data, e até o 16 de decembro, o custo por participante será de 12 euros.

As persoas anotadas antes do cambio de tarifa poderán elixir os puntos de recollida para os seus dorsais. Nesta ocasión habilitáronse catro, que estarán operativos do 9 ao 13 de decembro. Un deles en Santiago, na tenda Oliveira Bike Solutions; outro na Coruña, en Marathon Running Shop; en Pontevedra, en Spikes Street Club, e en Vigo, en Bikila.

O resto de persoas participantes terán a opción de facerse cos dorsais o día 21 de decembro, de 19:30 a 21h, na casa da cultura de Portosín con motivo da Feira do Corredor ou o mesmo día da carreira, en horario de 8 a 10:30h, na Casa da Cultura (preto da zona de saída).

O traslado de participantes farase en 10 autobuses con saída de Porto do Son a partir das 8:00 h, en dirección á localidade de Portosín (lugar de saída de carreira). Informar que o último autobús sairá ás 10:20h.

Emporiso, ao igual que a pasada edición, a rapazada poderá gozar da súa particular proba un día antes, o sábado 21 de decembro. A cita dará comezo a partir das 17:00h desde a localidade de Portosín (zona portuaria) e servirá como antesala da proba raíña.

Esta xornadas escolares previas teñen un límite de 500 persoas participantes e son totalmente de balde. O prazo de inscrición péchase o luns, 16 de decembro ou até completar 500 prazas. A recollida de dorsais efectuarase desde as 15:30 h, preto da zona de saída.

Na xornada do domingo terá lugar, outra edición máis, a carreira inclusiva, na que nesta edición participarán a Fundación Enky e Discamino.

Para rematar, e como novidade neste ano, o 5 de decembro a partir das 11:00 h (sempre e cando o tempo acompañe) celebrarase a SinSon School, unha xornada de lecer e deporte entre os CEIPs do municipio.

Outros artigos

Martes 10, nubes e claros e temperaturas baixas

A situación meteorolóxica manterase estable este martes con ventos do nordés, que seguirán canalizando aire frío procedente do interior do continente europeo. Os ceos presentarán nubes e claros, con chuvascos que serán máis frecuentes e intensos na metade norte de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Notre Dame”. José Castro López

“Notre Dame”. José Castro López

Francia vive días de depresión política. Un extraño “consenso” entre las extremasizquierda y derecha tumbó al Gobierno y todo indica que el presidente no tiene fácil laresolución de esta crisis, muy preocupante para Europa porque coincide con el vacío depoder en...