O Concello de Boiro abre o prazo de inscrición para participar no Campamento de Nadal 2024 previsto para os días comprendidos entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro nas instalación do CEIP Santa Baia. As prazas para participar son limitadas e a inscrición pode facerse entre o 12 e o 22 de novembro mediante o Rexistro Xeral.
O servizo está dirixido a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos escolarizados, co obxectivo de facilitar ás familias un recurso de conciliación con horarios flexíbeis axustado ás súas necesidades e ofrecer unha alternativa lúdica, formativa e integradoras de ocio e tempo libre. O desenvolvemento das actividades está baseado en técnicas de intervención participativas e activas, fomentando a creatividade e os valores de respecto e solidariedade con enfoques non sexistas.
As accións programadas celebraranse como dixemos entre o 23 de decembro e o 7 de xaneiro, agás sábados, domingos e festivos, en horario de 8.00 a 14.00 ou de 9.00 a 14.00 horas xa que se facilita a hora de entrada a elección. O custo do campamento será de 60 euros para o horario de 8.00 a 14.00 horas e de 50 euros para o horario de 9.00 a 14.00 horas, con descontos no caso de irmáns e persoas en risco de exclusión social.
O número de prazas está limitado a 50 inscritos e os criterios de selección serán segundo orde de entrada, estar empadroado no concello de Boiro e a ocupación laboral dos proxenitores ou titores legais. O prazo de inscrición estará aberto do 12 ao 22 de novembro e deberá facerse mediante o Rexistro Xeral ou na sede electrónica do Concello de Boiro. Unha vez publicada a listaxe provisional de admitidos e pasado o prazo de reclamacións, os participantes deberán aboar a taxa correspondente antes do 3 de decembro para formalizar a matrícula.
Máis información na web municipal ou no departamento de Ensino do Concello de Boiro, situado na Casa da Cultura de Boiro, no enderezo electrónico educacion@boiro.gal ou o teléfono 981 84 84 25.