O BNG acadou un novo acordo no Parlamento a prol do sector do mar e, máis en concreto, para blindar e priorizar nos orzamentos do próximo ano os investimentos dirixidos á protección do sector pesqueiro e marisqueiro tradicional, a acuicultura extensiva e a creación de emprego de produtores e produtoras. O acordo, adoptado por unanimidade, reclama ademais á Xunta que o FEMPA (Fondo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura) sexa destinado “preferentemente á investigación sobre a perda de produtividade das rías e a facer fronte ás consecuencias do cambio climático”.

A deputada do Barbanza defensora da moción, Rosana Pérez, saudou o novo acordo parlamentario mais reclamou ao PP que “desta vez lle dea cumprimento para non burlarse de novo do sector, que leva anos vendo como a Consellería fai oídos xordos ante as súas advertencias e peticións”, dixo, engadindo que “estamos ante un sector que atravesa unha situación crítica desde hai tempo, cunha perda brutal de capturas nos últimos anos, bancos marisqueiros que antes eran ricos e hoxe son desertos e cunha sangría de postos de traballo máis que evidente, tal e como amosan os datos oficiais”.
A propia iniciativa aprobada exixe o cumprimento de “acordos unánimes anteriores”, especificamente o adoptado o pasado 28 de maio, no que se instaba á Consellería do Mar a presentar antes do remate deste ano o cronograma e as partidas orzamentarias para levar a cabo os acordos tomados tamén por unanimidade o 6 de maio en relación coa cobertura económica e social dos traballadores e traballadoras do sector marisqueira e coa recuperación e rexeneración as rías galegas e a súa produtividade.
Máxima protección para o sector
O BNG reclama na súa iniciativa que “de cara ao 2025 a Consellería do Mar de prioridade a todos aqueles investimentos dirixidos a “blindar a máxima protección ao sector pesqueiro e marisqueiro tradicional e á acuicultura extensiva, nomeadamente os destinados á fixación e creación de emprego de produtores e produtoras”.
Outro dos puntos da iniciativa é “destinar os recursos do FEMPA no exercicio orzamentario de 2025 e seguintes preferentemente a accións de investigación sobre a perda de produtividade das rías galegas e para facer fronte ás consecuencias do cambio climático, así como á posta en marcha de medidas que mellore e reforcen o actual modelo produtivo de xestión sostíbel dos recursos pesqueiros e marisqueiros”.
Finalmente, a proposta aprobada por unanimidade pide levar a cabo un catálogo de medidas de identificación e promoción dos produtos orixinarios do sector do mar galego, que poña en valor a produción propia e impida a competencia dos produtos importados e as etiquetaxes enganosas e fraudulentas”.



