O programa ‘Muros Consciente’ do Concello de Muros, enfocado este ano á concienciación e fomento dunha economía circular e uns hábitos de vida
sustentables, celebra mañá, venres 29, o seu I ‘Microfaladoiro’.
Será no Mercado de Abastos de Muros ás 20:30 horas, onde sete asociacións do concello “presentarán, de forma dinámica e orixinal, as súas actividades e aportacións á nosa sociedade e ao estilo de vida sustentable”, explica a alcaldesa, María Lago.
As asociacións participantes este ano son: Serres Runners, Ximiela, Asociación de Mulleres do sector pesqueiro, Comunidade de montes de Esteiro, Castelo Rock, Asociación Anajata e Mulleres Rurais de Abelleira.
Despois da presentación das asociacións, haberá un concerto do grupo Esbozo, nun evento que contará cunha barra para tomar algo e un stand de cada asociación.
Tras o éxito do ano pasado, “poñéndolle cor ao Black Friday no comercio de Muros”, este ano ‘Muros Consciente’ centrase na economía circular en sectores como a hostalaría.
A alcaldesa destaca “a implicación nesta iniciativa do comercio, a hostalaría, a comunidade educativa e a veciñanza de Muros en xeral”.