Este 10 de novembro celébrase un roteiro-visita ao Complexo Dunar de Corrubedo abeirado á campaña 12 Meses, 12 Saberes, iniciativa anual da organización ambiental Verdegaia para dar a coñecer o noso patrimonio. Durante a visita ao Parque Natural observaranse varios dos elementos que fixeron deste espazo unha zona de especial conservación pertencente á Rede natura 2000: a duna móbil (para entender a dinámica dunar e a flora que alberga), a lagoa de Carregal (unha lagoa salgada chea de vida que reflicte a riqueza biolóxica do espazo) e a avifauna, tanto na costa como na lagoa. Será un roteiro de 6 quilómetros ao longo dun percorrido de dificultade baixa. Inscrición: A partir do mércores 30 estará aberta ás socias, que terán preferencia ata o día 3 de novembro. A inscrición é gratuíta pero obrigatoria en info@verdegaia.org, indicando o nome de cada persoa, un número de teléfono e especificando se algunha é menor de 14 anos.




