Espazo nas Escolas chega por terceiro ano consecutivo aos centros públicos da Pobra

19 Novembro 2024

Por terceiro ano consecutivo, o Concello da Pobra do Caramiñal pon en marcha o servizo Espazo nas Escolas coa colaboración da Asociación Socieducativa Antonio Gandoy. Trátase dunha ferramenta de prevención, acompañamento e intervención destinada aos centros educativos públicos da infantil, da primaria e da secundaria da localidade.

Precisamente o CEP Salustiano Rey Eiras foi o lugar elixido para a presentación desta nova edición. “O Espazo nas Escolas consiste en que a Concellaría dos Servizos Sociais pon a disposición de toda a comunidade educativa unha psicóloga para traballar nos diferentes centros do noso concello e así dar resposta a unha necesidade trasladada tanto polo profesorado coma polas familias”, explicou a concelleira dos Servizos Sociais, Amparo Cerecedo.

A edil engadiu que “seguindo a dinámica de anteriores anos, durante o curso 2024-2025 faranse sesións grupais e individuais para atender o plano académico e emocional do alumnado, ademais de avaliar co profesorado a súa evolución e ofrecer pautas ás familias cara o acompañamento no proceso educativo e de crecemento”.

Como manifestou a psicóloga en representación da referida asociación, Olaia González, “é un espazo de asesoramento, orientación e intervención dirixido a tódalas familias que teñan os seus nenos e nenas escolarizados en calquera dos centros públicos da Pobra do Caramiñal”. No pasado ano fixeron uso desta prestación un total de 110 familias e, nos meses que leva en marcha o actual curso académico, xa existe demanda.

As vías para acceder a este servizo son a través do propio equipo directivo de cada centro de estudos e da aplicación abalarMóbil, segundo apuntou o director do CEP Salustiano Rey Eiras, José Delgado, quen cualificou o programa como “fundamental.”

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.