A Delegación de Santiago do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) celebra a súa primeira edición dos Premios Próximos, nos que se recoñecen obras e proxectos realizados na demarcación colexial, onde se atopan 32 concellos do sur da provincia de Pontevedra, é dicir, municipios das áreas de Compostela e Barbanza.
Foron un total de 42 propostas as presentadas nesta convocatoria dos premios, das cales o xurado elixiu 9 obras gañadoras.
Entre as propostas gañadoras atopamos a vivenda unifamiliar Surf_House en Porto do Son (Lugar de Fieiro-Miñortos) elaborada por Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo, de Dosesmas Arquitectos, SCP. Unha vivenda de plantas ordenadas, atractiva e delicada. A formulación para a súa implantación non é evidente, xa que en lugar de proxectar unha casa orientada directamente cara á paisaxe, selecciona coidadosamente a maneira en que desexa relacionarse coa súa contorna e coa veciñanza. E faino a partir dunha serie de muros que proporcionan protección, pero que a súa vez definen unha secuencia de espazos internos e externos.
Outro caso a salientar foi unha vivenda unifamiliar en Carnota (Lugar Panchés, Polígono 36, Parcela 442, Horta das Ameixeiras), elaborada por Óscar Andrés Quintela e Iván Andrés Quintela . de ARROKABE, SLP. O proxecto representa unha interesante reinterpretación das tipoloxías residenciais existentes na zona, cun toque innovador. Este enfoque combina a construción pesada, executada in situ para adaptarse á topografía do terreo mediante formigón e pedra, cun sistema lixeiro e industrializado de armazón de madeira para os elementos elevados, dando como resultado unha construción contemporánea cun diálogo natural e integrado coas estruturas preexistentes e o lugar.
Os outros proxectos galardoados foron: unha rehabilitación dunha vivenda unifamiliar en Brión (Lugar Guitiande), elaborada por Lourdes Pérez Castro, Óscar Andrés Quintela e Iván Andrés Quintela, de ARROKABE, SLP; a readecuación da Capela do Pilar da Catedral de Santiago para a implantación de novo mobiliario para os usos penitenciais (Catedral de Santiago de Compostela), elaborada por María Cristina Nieto Peñamaría e José Luis Gil Pita; a Casa 2M en Santiago (Rúa do Medio, 41), elaborada por Álvaro Marín Durán e Alfonso Castro Lorenzo, de Dosesmas Arquitectos, SCP; o campo de fútbol de Santa Isabel (Santiago de Compostela), elaborado por Enrique Manuel Blanco Lorenzo e Patricia Sabín Díaz; o campo de fútbol en Toques (A Coruña), elaborado por Enrique Manuel Blanco Lorenzo e Patricia Sabín Díaz; dúas vivendas pareadas na Muíña (Santiago), elaboradas por Alberto Redondo Porto, José Martín Valladares Durán e Marcial Rodríguez Rodríguez, de Redondo Valladares y Rodríguez, SLP; e o Centro de servizos en Teo (Travesía da Ramallosa 7), elaborado por Juan Antonio Varela García, María del Carmen Escorihuela Vitales, Miguel Alonso, Flamarique, Roberto Erviti Machain, de MRM Alonso Erviti Escorihuela Arquitectos Asociados, SLP.
O xurado estivo composto pola arquitecta María González, o arquitecto Alfredo Freixedo e o arquitecto coordinador da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago de Compostela, Ángel Panero, Premio de Arquitectura/Rehabilitación de Galicia 2018 e coordinador académico do Curso Superior de Xestores de Obras de Rehabilitación da Fundación Laboral da Construción.
Engadir que nos vindeiros meses celebrarase un acto de entrega de premios en Santiago para recoñecer os arquitectos, promotores e outros axentes das obras distinguidas.
Para máis información destes proxectos cómpre visitar a web do COAG.