
A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, comeza este venres 29 de novembro os traballos de refrotamento do barco boniteiro Jaungaikoa, afundido logo de incendiarse, o pasado 4 de setembro no porto de Camariñas. A Xunta informou que “este proceso pode dar inicio dentro do prazo orixinalmente estimado tras recibir o informe e custas preliminares, así como a tramitación do contrato para a realización dos labores”.
Portos asumiu este dispositivo trala “inacción por parte do propietario do barco”, informou o ente autonómico, insistindo en que “é o responsábel legal tanto do propio proceso de refrotado como das consecuencias derivadas do ocorrido”. Porén, dado o incumprimento desta obriga dentro do prazo establecido pola lei, o ente público viuse obrigado a levar a cabo estas tarefas e asumir as custas derivadas do proceso.
Deste xeito, e logo da elaboración do informe de situación encargado por Portos a unha empresa especializada en inspección submarina, os gastos de base do refrotamento do Jaungaikoa ascenden a 15.000 euros. Unha vez refrotado o barco deberá ser trasladado a un xestor autorizado para o seu desmantelamento, cuxo importe estímase en arredor doutros 50.000 euros. Portos de Galicia está a tramitar agora a contratación destes traballos.



