Benita Silva Hermo, científica da Pobra, entra na enciclopedia en liña do Álbum de Galicia

08 Novembro 2024

Benita Silva Hermo (A Pobra do Caramiñal, 1951 – Santiago de Compostela, 2023), muller que abriu camiño a nivel europeo dentro dos estudos dos monumentos graníticos, entrou este 8 de novembro no Álbum de Galicia, colección dixital de biografías do Consello da Cultura Galega (CCG).

Benita foi catedrática e docente na facultade de Bioloxía da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e, segundo salienta o CCG na súa entrada, “o seu esforzo científico acadou recoñecemento a nivel dentro do seu eido de investigación, que, ademais dos estudos da rocha e do solo, abrangueu dende as alteracións das pinturas murais e rupestres de Galicia ata os efectos dos cambios no clima”.

A súa entrada está asinada polo científico Francisco Díaz-Fierros.

A pegada desta recoñecida investigadora está “en máis dun cento de publicacións, moitas delas en revistas de ámbito internacional, tres libros, doce proxectos de investigación (3 europeos) e sete teses de doutoramento”, apunta Francisco Díaz-Fierros na súa entrada do Álbum de Galicia, destacando “un traballo científico ao que se lle suma o feito de ter sido a coordinadora do Grupo de Estudos Medioambientais Aplicados ao Patrimonio Cultural e Natural da USC, alma mater da que foi, ademais, presidenta e, logo, presidenta de honra na asociación Alumni USC, conformada por antigos alumnos da universidade santiaguesa”.

Dentro do eido da xestión universitaria, Silva Hermo foi tamén vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade da USC (2010-2014), cargo no que destacou por desenvolver “unha actividade moi singular coa promoción de novos proxectos e actividades”, destaca Díaz-Fierros na súa entrada biográfica.

Silva Hermo, despois de doutorarse, comezou o seu traballo nos solos co foco posto na alteración dos solos na zona das Mariñas coruñesas, dedicándose logo ao estudo doutras áreas da xeografía galega, con repercusión en forma de traballos para revistas científicas nacionais e estranxeiras é neste período “cando pon a punto e aplica aos procesos de alteración de rochas e outros procesos edafoxenéticos as importantes técnicas micromorfolóxicas que ata ese momento non se tiñan empregado no estudo dos solos galegos”, o que marcou o seu carácter de abrir camiños neste eido.

A esta iniciativa sumouse, máis adiante, o estudo do deterioro ambiental dos monumentos construídos con granito, “unha liña de traballo que continuaría e ampliaría a outros materiais e no que chegaría a ser, ademais de pioneira, unha das máis recoñecidas especialistas europeas”.

Álbum de Galicia

En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é “dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa historia”.

A día de hoxe,conta con máis de 744 entradas, das cales as máis recentes son as de Suso Díaz, María Teresa Fernández Rodríguez, Antonio Paz Valverde e Xosé María Díaz Castro. As biografías están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Os textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

Na Administración hai informes preceptivos, que compre solicitar para completar determinados procedementos. E estes poden ser vinculantes ou non, segundo haxa que facerlles caso, ou a resolución pode disentir deles. Desde o concello de Lugo chaman a votar sobre o nome...