Co Nadal ás portas, A Pobra do Caramiñal volve retomar o seu Concurso de Embelecemento de Balcóns e Fachadas no seo da campaña: Volta o Nadal, voltan as Caramiñas.

Hoxe, venres 22 de novembro, a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e a técnica municipal desta área, Sara Sánchez, presentaban esta quinta edición: “Seguimos apostando por involucrar á veciñanza cara a mellora estética da nosa localidade por estas datas tan significativas cun certame que busca a participación na decoración exterior dos seus fogares. E incentivamos esa implicación cuns galardóns que redundan positivamente no noso comercio. Deste xeito, dinamizamos o noso municipio a nivel social e económico”, apuntou a edil.
Seguindo a dinámica da anterior convocatoria, repartiranse 2.100 euros no total en formato de Vale/Caramiñas: un primeiro premio por valor de 600 euros e cinco segundos de 300 euros (un por cada parroquia: Santa María a Antiga do Caramiñal, Santiago do Deán, San Isidro de Posmarcos, Santa
Cruz de Lesón e Santa María do Xobre). Os boletos poderanse trocar en diferentes establecementos comerciais e de servizos do municipio, que disporán dun distintivo nun lugar visíbel.
As inscricións poderanse formalizar até o 2 de decembro a través do enderezo electrónico promocioneconomicapobra@gmail.com. É preciso indicar o nome completo e o documento de identidade da persoa participante, o enderezo e a parroquia do balcón, xanela ou fachada e un número de teléfono de contacto. Unha vez formalizada a matrícula e engalanadas as vivendas, remitirase polo referido correo electrónico un mínimo de dúas fotografías que xustifiquen a ornamentación.
O prazo para decorar remata o 6 de decembro e os elementos deberán permanecer até o 6 de xaneiro, ámbolos dous incluídos.
Será o 11 de decembro cando se dea a coñecer o ditame do xurado e disponse até o día 24 para entregar as Caramiñas. As bases completas están na web da Pobra.




