Pór en valor o traballo dos praceiros e das praceiras da Pobra do Caramiñal e a calidade dos produtos de proximidade que se atopan no seu mercado de abastos é o obxectivo, segundo apuntou a concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, no anuncio da campaña de Nadal que chega co lema de: Volta o Nadal, voltan as Caramiñas. Visto o éxito acadado o pasado ano, a Concellaría da Promoción Económica da Pobra do Caramiñal e a Asociación de Profesionais da Praza de Abastos retoman esta campaña encamiñada ao mercado municipal pobrense.

Os premios sortearanse entre a clientela e serán o importe da compra da cea de Noiteboa e da de fin de ano.
A encargada de explicar a dinámica desta campaña, que abrangue do día 2 ao 21 de decembro foi a técnica municipal desta área, Sara Sánchez, quen expuxo que: por cada dez euros de compra, entregarase un boleto en formato de Caramiña. Este boleto deberase cumprimentar cos datos: nome, apelidos e teléfono de contacto para depositar nas urnas colocadas no interior da referida instalación municipal.
No transcurso da campaña faranse dous sorteos: o primeiro será o día 16 de decembro e o segundo o día 23 de decembro. Haberá un primeiro premio de 400 euros, dous segundos de 200 euros e catro terceiros de 100 euros. Repartiranse un total de 2.400 euros a trocar pola compra nos postos do mercado municipal até o día 24 de decembro (no caso da cea da Noiteboa) e até o día 31 de decembro (para a cea de fin de ano).




