A Pobra afonda no apaixonante mundo dos cogomelos coas VIII Xornadas Micolóxicas desta “finde”

04 Novembro 2024

Esta segunda finde de novembro será na Pobra unha finde micolóxica. A Concellaría do Medio Ambiente exalta unha vez máis un dos produtos estrela da tempada outonal coas oitavas xornadas: os cogomelos. Segundo o edil Xosé Lois Piñeiro, “temos actividades para o público en xeral, pero tamén facemos énfase na rapazada. Queremos achegar coñecementos á veciñanza sobre o mundo dos fungos. Adóitase descoñecer os distintos aproveitamentos deste recurso natural e, neste ano, falaremos sobre as súas propiedades nutricionais e desfrutaremos novamente de pratos en base a esta valiosa materia prima que temos nos nosos bosques.”

María Cabaleiro, de MycoGalicia Plantae, impartirá a charla Cogomelos: gastronomía e nutracéutica, no venres 8, ás 20.30 horas, no auditorio da biblioteca municipal.

No sábado 9 haberá un obradoiro familiar de inoculación de shiitake a cargo do micólogo Miguel Tembra. Dirixido a rapazada ata 12 anos, acompañados dunha persoa adulta, desenvolverase no centro sociocultural do Vilariño, ás 17.00 horas. Aínda quedan prazas libres que se deben reservar a través do enderezo electrónico apobra.micoloxia@gmail.com.

O groso das actividades concentrarase no domingo 10, pois tocará despedir esta edición con varias propostas. Unha saída ao monte iniciará este derradeiro día. O traslado efectuarase en vehículos particulares co punto de encontro establecido nas inmediacións do mercado municipal, ás 10.00 horas. Deseguido, as persoas asistentes desprazaranse ata a praza de abastos para a exposición de cogomelos e a entrega de premios do VIII Concurso Fotográfico de Micoloxía, ás 13.00 horas. Por último, tocará degustar receitas en base aos cogomelos cun showcooking da man de Luis Arijón, xefe de cociña do restaurante Nojira, ás 14.00 horas. As inscricións xa están cubertas na súa totalidade.

No referido ao certame, este rexistrou unha participación de 63 instantáneas. O xurado ditaminou que a primeira distinción sexa para unha fotografía da autoría de Sergio Pérez Boullón, a segunda para unha imaxe tomada por Tomás Rodríguez Novoa e a terceira se adxudique a unha instantánea de Ramón Carlos Encisa Fraga. Repártense así 750 euros en premios baixo o formato de vales de compra para trocar no comercio local ou en deanshop.es.

Tamén hai accións destinadas exclusivamente á comunidade educativa da primaria. Os CEP Pilar Maestú Sierra e CEP Salustiano Rey Eiras acollen ata finais do mes de novembro unha exposición integrada polas imaxes galardoadas nas convocatorias previas do concurso fotográfico. O alumnado destes centros de ensinanza recibirán tamén un obradoiro micófilo: no mércores 6, en Bandaseca, e no xoves 7, en Cadreche.

Outros artigos

Palmeira acolle este sábado o Campionato Galego Absoluto de Taekwondo

Este sábado 14 de decembro disputarase o Galego Absoluto no Pavillón Torres Colomer de Palmeira (Ribeira). Trátase dunha cita deportiva de primeira liña que recolle aos mellores taekwondistas da nosa comunidade e que, segundo avanza a organización, deparará aos...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión