O pasado venres 22 de novembro o Centro Sociocultural de A Capela en Araño foi o escenario do Encontro Empresarial 2024, organizado pola Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE). Este evento, que contou coa colaboración do Concello de Rianxo e o apoio da Deputación da Coruña, destacou pola “excelente acollida entre as persoas asistentes” e “pola súa importancia como punto de encontro para fomentar o crecemento e a unión entre os negocios locais”, en palabras da patronal rianxeira.
Este xoves 28 a xunta directiva da ARE mantivo a súa reunión mensual na que, entre outras cousas, levouse a cabo unha valoración do acto, destacando o seu grande éxito tanto de asistencia como pola aceptación dos participantes. Así mesmo, concluíuse que o evento “é unha iniciativa moi positiva para o tecido empresarial da zona” e decidiuse “garantir a súa continuidade no ano 2025, para o que xa se barallan posibles datas”.
O encontro reuniu profesionais, autónomos e empresarios/as de Rianxo e arredores nun espazo pensado para “compartir ideas, establecer conexións e inspirar novas formas de colaboración no ámbito empresarial”.
A conferencia principal, impartida por Javier Cebreiros, recoñecido experto en comunicación, foi un dos momentos máis destacados da xornada. Cebreiros compartiu ferramentas prácticas para comunicar de forma máis eficaz e para xestionar emocións, demostrando como estas habilidades son esenciais para mellorar tanto as relacións profesionais como os resultados empresariais. As persoas asistentes coincidiron en destacar a utilidade e aplicabilidade das ideas presentadas, que sen dúbida poden marcar diferenza no día a día das empresas locais.
Outro dos momentos clave foi a homenaxe a dúas empresas locais, a Boutique Pasarela e o Centro Veterinario Rianxo, seleccionadas pola ARE en representación de todas as pequenas empresas que, co seu esforzo diario, sosteñen o tecido empresarial de Rianxo. Este recoñecemento quixo poñer en valor “a resiliencia, a dedicación e o impacto positivo que estas empresas teñen na comunidade”. Con este acto, a Asociación trasladou o seu agradecemento “a todas as empresas que fan posíbel o dinamismo económico da zona”.
O acto concluíu cunha degustación de pinchos e viños, onde os participantes aproveitaron para intercambiar experiencias, coñecer outros profesionais e explorar novas oportunidades de colaboración.
“Este tipo de actividades demostran a importancia de crear espazos de convivencia onde o tecido empresarial poida fortalecerse non só desde o punto de vista profesional, senón tamén humano”, explicou a directiva da ARE, quen tamén quixo agradecer a todas as persoas participantes a súa implicación e interese neste encontro. E engadiron: “Tamén queremos agradecerlle á Asociación de Veciños do Araño por cedernos o Centro Sociocultural da Capela para o evento; o éxito desta edición anímanos a continuar traballando para fortalecer o tecido empresarial de Rianxo e arredores, e comprometémonos a ofrecer unha nova edición en 2025, consolidando esta iniciativa como un evento de referencia no calendario empresarial local”.