A Asociación Cultural Francisco Lorenzo Mariño (AFLM Aguiño) presentou os detalles da 15ª edición da Mostra de Teatro Afeccionado FLM de Aguiño 2024. Na presentación participaron Pilar Millet, Carmen Sampedro, Elvira pisos, Rosita Millet e Unai González, que fixeron un pequeno balance dos tres lustros de actividade da mostra, destacando o fito do medio cento de espectáculos representados até a data e con 25 compañías diferentes de toda Galicia achegando en Aguiño as súas propostas escénicas.

A Mostra, sinalaron, contou xa coa presenza das seguintes agrupacións: Ditea e Tangatutanga, de Santiago; A Pombiña, O Aturuxo ou o Pedroso de Narón; A Tequerreté de Teo; Bradomin da Pobra; Airiños de Rianxo; Liceo de Noia; Do Improvisto de Boiro; Max, Ad Libitum e Crucía de Ferrol; Ateaco, Noite Bohemia e Cantigas da Terra da Coruña; o Club de Maiores de Boqueixón; Chumpá de Cuntis; Disfunciòn de Caldas; o Grupo Municipal de Teatro (GMT) de Ribeira; e incluso a presenza profesional como Culturactiva, Tarabela ou Contraproducions.
O cartel deste ano inclúe as seguintes funcións: Quen o diría! de Charamela de Melide (o 16 de novembro); A inmortal do Grupo O Pedroso de Narón (o 23 de novembro), Sombras na noite do Grupo Chumpá de Cuntis (o 30 de novembro) e Entrañas negras, do Grupo Disfunción Continua da Estrada (o 7 de decembro).

Elvira pisos comentou que a nova edición da mostra é con entrada de balde pero solidaria coma todas as edicións; neste caso destinada a recoller donativos para os damnificados pola DINA en Valencia a través de doazóns ao proxecto de Pegasus que organizan os veciños Ruben Lijò e Francisco García de Garmou, ao que a asociación xa adiantou 500€
Segundo comentou Unai González as funcións serán coma sempre ás 20.00 horas no Conservatorio de Aguiño na rúa Castelao e nela colaboran no programa a Concellería de Cultura de Ribeira, a Deputación da Coruña e empresas como CONRESA, Farmacia Mariño ou Digar de Artes, entre outras firmas e entidades a través dun patrocinio anual para a organización de toda a programación da entidade cultural de Aguiño, e con colaboración doutras entidades do resto da contorna como Barbantia, Sons, Irimia ou Bailadela.




