Ribeira aproba unhas contas de 31,6 millóns de euros destinando 5,2 a investimento e reforzando servizos básicos

11 Outubro 2024

O pleno de Ribeira saltouse coa aprobación do límite de gasto non financeiro e dos Orzamentos Municipais 2024 por 11 votos a favor do BNG, PBBI e PSdeG-PSOE e 10 votos en contra do PP. Son as segundas contas que aproba o Goberno local ribeirense en 15 meses.

O rexedor, Luís Pérez Barral, introduciu o debate explicando as liñas xerais deste orzamento para o novo exercicio 2024 que contará cun orzamento de 31.615.596,22 euros, esta cifra constitúe unha redución dos recursos de 4.742.624,09€ con respecto ás contas do ano 2023, sinalou o alcalde, explicando que dos Orzamentos de 2023 consignáronse o 100% dos investimentos de carácter plurianual con diversas obras como son a obra de renovación da Casa Consistorial que xa acada os 3.855.000€. Así mesmo, as contas da anualidade 2023 tamén incluían os fondos achegados por distintas Administracións como: fondos Next Generation, PIREP 1 e 2, Plan de Sustentabilidade Turística en Destino, Fortalecemento da Actividade Comercial, a subvención de Transformación Dixital e distintos convenios asinados coa Xunta de Galicia.

Lembrou que o capítulo II, de gastos en bens correntes e servizos, increméntase en máis de 1.645.523 euros derivado do importante aumento dos custos enerxéticos, a alza dos contratos de Servizo de Axuda no Fogar (dependencia), pola Escola Infantil Municipal e pola revisión de prezos en contratos de servizos de auga e saneamento, recollida de lixo e alumeado público que absorben máis dun millón de euros en subas de 504.000€, 377.000 e 132.000€ a maiores respectivamente.

No capítulo de ingresos correntes comunicou que ascenden a 26,5 millóns de euros entre a suma de impostos directos, indirectos, taxas, transferencias correntes así como os ingresos patrimoniais; máis os derivados das operacións de capital que suman 2,3 millóns polo que se acada unha cifra final de ingresos de 31,6 millóns de euros.

O rexedor detallou tamén que a liña de actuación emprendida polo anterior Goberno “segue provocando unha carga financeira importante para o Concello e hai que facerlle fronte aos gastos pendentes de abonar, os exemplos deses gastos son os 638.000€ que están pendentes de aboar pola construción do novo auditorio, os 744.000€ do módulo cuberto de atletismo, 537.000€ destinados ao alumeado público, 23.500€ para facturas pendentes da rehabilitación do lavadoiro do río Artes, os 16.000€ que haberá que gastar para rematar o Centro Social de Carreira ou os 11.000€ da liquidación da obra realizada na escola unitaria de Corrubedo”. Ademais, dixo, “aínda se deben uns 90.000€ a empresas que realizaron os seus servizos no mandato anterior”.

Pérez Barral referiuse ás prioridades xerais destes orzamentos que son “evitar a suba de impostos e reforzar mantementos, limpezas e coidado de persoas; continúase apostando por incrementar as partidas que son prioritarias como mantementos, limpezas ou o coidado de persoas”. Así pois, por segundo ano consecutivo sóbense as partidas destinadas a conservación de infraestruturas (+11,1%), deportes (9,2%), dependencia (18,6%), medio ambiente (+20.000€).

Tralo aumento dun 28,05% do ano pasado o equipo de Goberno tamén destacou “o aumento dun 1,7% da partida destinada a apoiar as entidades deportivas, sociais, culturais, educativas así como a eventos deportivos, culturais, festivos e económicos que acada a cifra de 850.400 euros”.

Os investimentos acadan a cifra de 5.260.000 euros dirixindo o groso das actuacións a seguir mellorando os servizos básicos de saneamento, dotación de auga para consumo, pavimentacións, eficiencia enerxética, mobilidade ou o reforzo eléctrico para o novo polígono industrial. Destes fondos 2.610.000 virán a través dun préstamo, 794.000€ que achega a Deputación da Coruña, 692.000€ de fondos Next Generation, 629.000€ que achega a Xunta de Galicia e os 282.000€ de fondos propios.

A concelleira de Facenda, Herminia Pouso, comezou a súa quenda de palabra explicando que “é necesaria a aprobación dos Orzamentos para seguir impulsando aquelas actuacións que están pendentes da dotación orzamentaria e poder avanzar cos procedementos de contratación”.

Segundo explicou Pouso Maneiro, “preséntase un Orzamento nivelado no estado de gastos e de ingresos e o que se acompaña de toda a documentación requirida na norma: Informes de Intervención, Secretaría, memoria da Alcaldía, cadro de persoal, anexo de investimentos, cadro de endebedamento, bases de execución”. Ademais, dixo, “cúmprese coa regra de gasto, estabilidade e tense previsto alcanzar un nivel de endebedamento do 56%, porcentaxe inferior o límite que nos establece a norma que é do 110%”.

Explicou que “os ingresos que se recollen son suficientes para dar cobertura aos gastos correntes e a amortización anual das distintas operacións de créditos xestionados en pasados anos”. Engadiu que “o proxecto do Orzamento está baseado en previsións realistas e obxectivas no referente a parte de ingresos”. A concelleira de Facenda reprochou “como no Orzamento de 2021 o goberno daquel entón incluíra unha partida de ingresos de 8 millóns de euros pola venda de parcelas dun polígono industrial que non estaba feito. No referente o proxecto de gastos recolle as contías necesarias para afrontar o funcionamento dos servizos que se lle prestan á cidadanía ademais de dar cobertura aos incrementos de prezos dos contratos e outras obrigas que proceden de exercicios anteriores que son esixíbeis para o Concello”.

O segundo tenente de alcalde, Suárez-Puerta e a concelleira Cruz Rivadulla defenderon o proxecto presentado polo Goberno local poñendo en valor a contención na carga fiscal evitando a suba de tributos á poboación e salientando o aumento das partidas sociais, limpeza, dependencia ou mantemento destacando as seguintes actuacións:

-Melloras e ampliacións da rede de auga para consumo en: rúa Río Azor (Palmeira), Arribas (Artes), Sirves (Olveira), estrada DP-7304 (Olveira), rúa da Cerca (Aguiño), así como a auditoría da rede de auga para consumo. En materia de saneamento actuarase en Lixó (Oleiros), Arribas (Artes) e investiranse 262.000€ a realizar diversas actuacións urxentes na depuradora de Couso.

-En materia de pavimentacións actuarase nun camiño e na estrada dos Muíños (Oleiros), rúa Castelao (Aguiño), camiño en Mámoa-Laxes, camiño en Vilar-Vixán (Carreira), rúas Revolta e Fonteseca (Castiñeiras), renovación de servizos e pavimentación rúa Canaval e unha nova senda peonil en Teira (Corrubedo), pavimentación e drenaxe pluviais en Agro de Carolo (Palmeira).

-En eficiencia enerxética prevese investir 100.000€ na instalación de paneis solares no Conservatorio, Oficina de Turismo, Centro de Raqueta e Policía local co obxectivo de reducir os gastos enerxéticos.

-En materia de mobilidade sustentábel destinaranse 648.000€ para crear unha senda ciclista entre Coroso e Palmeira.

-En materia industrial, o Orzamento 2024 recolle xa unha importante actuación do novo polígono industrial ao destinar 635.000€ para o reforzo e extensión da rede de distribución eléctrica que permita satisfacer a demanda de e enerxía que terá o novo polígono, situado no lugar de Pedras Vermellas.

-En materia ambiental ademais das tarefas habituais, o Orzamento 2024, tamén contempla destinar 100.000€ á posta en marcha dun programa de compostaxe dirixido ás parroquias e outro de erradicación de especies invasivas.

-En materia comercial consígnanse fondos para campañas de apoio ao comercio que se realizan o longo de todo ano e unha partida específica de Nadal que en total supoñen 25.000 euros.

-En materia de educación recóllense un aumento da contía destinada a apoiar as actividades a realizar polas anpas co obxectivo de dar cobertura aos custes de monitorados naqueles centros que teñan en marcha programas madruga ou comedores escolares.

Dende o Goberno local púxose énfase en que “as contas aprobadas garanten o bo funcionamento dos servizos públicos que se lle presta á veciñanza ademais de dar cobertura aos incrementos de prezos dos contratos e outras obrigas que proceden de exercicios anteriores que son esixíbeis para o Concello. Estas contas son froito da escoita activa das necesidades formuladas pola poboación por iso se priorizan as dotacións de servizos básicos”.

O documento terá que someterse agora a información pública para que a aprobación sexa definitiva e poida entrar en vigor.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

“Ti, morena, quen es?”. Luís Celeiro

Son eu, señor capitán deste navío mercante! Eu son unha muller de mundo, ando polo mundo senrumbo e sen sosego. Estou embarcada neste buque e quero saber para onde imos, cantos e cantassomos, como viviremos o que nos queda de mar e quen seremos ao regresar á terra, se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.