O congreso de turismo gastronómico Degusta A Coruña, organizado pola área de turismo da Deputación, chegou este mércores 30 de outubro ao seu remate despois de 3 días de viaxes por toda a provincia, cun itinerario que chegou a 6 concellos (Fene, Betanzos, Padrón, Boiro, A Coruña e Carballo), con 20 actividades e 35 relatores de diferentes puntos do estado e de diferentes ámbitos do sector (restauración, formación, comunicación, empresarial, distribución, produción…).

Ademais, todas as actividades emitíronse por streaming, así como outras que se celebraron unicamente via telemática polas tardes, ás que se pode acceder dende a páxina web degustacoruna.gal.
Encontros na confraría de Barallobre para coñecer os seus mariscos de primeira calidade e nas pesqueiras do río Ulla para descubrir todos os detalles sobre a lamprea e a súa pesca; visitas ao antigo matadoiro de Betanzos e ao emblemático Pazo de Goiáns (Boiro) para falar sobre o patrimonio vinícola do Barbanza e da provincia e o seu impacto socioeconómico e cultural; e xornadas en espazos como o MUNCYT coruñés ou o Náutico de Razo, para “pisar territorio, saír dos auditorios para ver sobre o terreo porqué, por exemplo, dicimos que a pesca da lamprea é sostíbel, ou para descubrir os grandes viños que temos e as microhistorias que hai detrás, de legado e auténtica devoción polo traballo e o territorio”, sinalou Regueira.

Relatores, asistentes e participantes coincidiron en sinalar que “foi unha experiencia moi positiva, diferente e necesaria para coñecer de verdade a provincia e a gastronomía dende a orixe”. Tamén agradeceron á Deputación esta iniciativa, “para poñer en valor os diferentes xeodestinos, interactuar todo o sector: empresas a todos os niveis (produción, hostalería, restauración, turismo…), administracións, entidades e profesionais de outros ámbitos como a formación ou a comunicación” destacaban.
“Ese é obxectivo deste congreso: que todos os axentes implicados falemos, compartamos experiencias e inquedanzas, reflexionar e descubrirnos e redescubrirnos”, sinalaba Regueira. “A experiencia foi tan positiva e enriquecedora que xa estamos desexando a comezar na segunda edición”.




