
Esta fin de semana continúa en Porto do Son a primeira edición do seu Ciclo Cultural Infantil Itinerante, impulsado polo Concello. Farao da man do músico Pakolas, que presenta o espectáculo As máis molonas.
Será este domingo 13 de outubro no Local Veciñal de Nebra, ás 18.00 horas. As máis molonas é unha nova montaxe de Pakolas, estreada este 2024, que recolle as cancións mais aclamadas polo público infantil rockeiro galego, cantadas e contadas: os exitazos de Pakolas.
Neste concerto, o músico guiará á rapazada coa súa forza interpretativa e o seu humor por todo un universo musical, a través da súa voz e a guitarra, nun espectáculo individual creado polo propio autor, onde a interacción e participación coas nenas e nenos, a animación, as súas caracterizacións e a súa música son o principal atractivo para o público.
Elenco, música e son: Pakolas / Paco Cerdeira
Escenografla: Laura Romero
Duración: 55 minutos
Público: Infantil e familiar
A entrada será de balde e non será preciso recoller entradas. Acceso libre ata completar foro. Prégase puntualidade (ás 18:00h pecharanse as portas do auditorio.
Organiza o Concello coa colaboración de Cultura da Deputación da Coruña.
Máis actividades do Ciclo Cultural
A primeira edición do Ciclo Cultural Infantil Itinerante de Porto do Son vai vir con nove funcións de primeira liña. Participará boa parte do máis destacado do panorama galego do lecer infantil, por exemplo os músicos Pakolas e Paco Nogueiras ou as compañías Xarope Tulú, Berrobambán ou Educateatro. Haberá actividades nas casas de cultura de todas as parroquias sonense, co obxectivo de chegar a toda a rapazada do concello entre setembro e novembro. Logo das funcións de Os Fabulosos Cleaners e Paco Nogueiras, este domingo 13 de outubro será a quenda de As Máis Molonas de Pakolas. Logo virán Berrobambán con Os contos que me contaron (en Queiruga o 20 de outubro ás 18h), de Caxoto con Contos debuxados, debuxos contados (en San Pedro o 27 de outubro ás 18), Charlatana con Contos para caghar patatillas (en Xuño o 3 de novembro ás 18h), Cabicivai con Os contos de Pablísimo (en Baroña o 10 de novembro ás 18h), Pablo Díaz con Canta música (o 17 de novembro en Caamaño ás 18h), Xarope Tulú con Roupa tendida (o 24 de novembro en Miñortos ás 18h) e Educateatro con Carapuchiña vermella (en Porto do Son o 1 de decembro ás 18h).




