
A Deputación da Coruña impulsou este mes de setembro (entre os días 1 e 28) unha nova edición do certame de música clásica Espazos Sonoros, que percorreu diversos espazos da provincia fomentando o “diálogo entre a música e o patrimonio”. Entre estes espazos incluíuse o territorio de Porto do Son, onde estiveron programadas varias actividades impulsadas pola Deputación e o Concello.
Na axenda figuraba un roteiro polo Castro de Baroña (Coñece o teu patrimonio) que tivo o seu punto de partida, o pasado 28 de setembro, no edificio de actividades náuticas de Porto do Son. Foi unha ruta circular na que as persoas participantes puideron descubrir algúns dos elementos patrimoniais e paisaxísticos máis salientábeis da parroquia de Baroña, como o seu conxunto de hórreos, os petróglifos da Gurita (Abuín) ou o propio castro á beira do mar que leva o nome da parroquia. O roteiro tivo unha duración de tres horas e media e unha distancia de 8.5 quilómetros. Participaron medio cento de persoas.
A nova edición de Espazos Sonoros pechouse en Porto do Son, no edificio de actividades náuticas, cun concerto participativo dirixido polo asLan ensembLe e Helena Otero Correa, no que foi interpretada unha obra de Salvatore Sciarrino, A boca, os pés o son, para cuarteto de saxofóns solistas e outros tantos en movemento. O conxunto asLan ensembLe está integrado por Alberto Matarredona Donat, saxo alto; Helena Otero Correa, saxo alto; Irene Rodríguez Ordiales, saxo alto; e Silvia Sanagustín Samitier, saxo alto.
La bocca, i piedi, il suono foi composta polo italiano Salvatore Sciarrino, en 1997, é unha das pezas fundamentais do repertorio escrito para saxofón. Trátase dunha obra de carácter participativo que conta, para a súa execución, coa colaboración de saxofonistas procedentes de estilos diversos e de todas as idades. Nela o espazo revélase coma un elemento que vai definindo os movementos e a localización das persoas intérpretes o que fai que cada representación sexa única en coherencia co lugar escollido.
A agrupación asLan ensembLe formouse en 2014 no seo da prestixiosa clase de saxofón de Jean-Denis Michat, do Conservatorio de Lyon e fíxose rapidamente un oco no mundo da música de cámara. O grupo aposta, nos seus programas, por revisitar obras icónicas da tradición musical occidental a través dos seus arranxos e pola creación de novos repertorios para cuarteto de saxofóns.




