
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convoca a toda a comunidade local, administracións, empresas e asociacións da comarca a participar na primeira reunión para a constitución da Comunidade Enerxética do Barbanza. A Universidade de Santiago, a través do CISPAC e o grupo de investigación Histagra, e a Universidad Pablo de Olavide coordinan este encontro coa colaboración do Observatorio Eólico de Galicia, enmarcado nunha acción de apoio da transición cara a modelos sustentábeis de xestión dos montes veciñais.
A xuntanza será o vindeiro xoves 17 de outubro ás 20.00 h no Auditorio de Rianxo, cun formato participativo que busca implicar á cidadanía e reflexionar colectivamente sobre a situación enerxética local. Entre os obxectivos principais está a introdución do concepto de cidadanía enerxética, convidando aos participantes a pensar en como converterse en prosumidores, é dicir, produtores e consumidores de enerxía ao mesmo tempo, dentro dun modelo comunitario.
Ademais, explorarase a creación dun grupo tractor que lidere o proceso de transición enerxética na comarca, así como a definición de diferentes modelos de negocio baseados na participación colectiva. “Estes esforzos buscan promover unha transición enerxética comunitaria, que non só contribúa á sustentabilidade, senón que tamén mellore as condicións de vida locais”, explican dende o Laboratorio Ecosocial, engadindo que esta primeira reunión “é unha oportunidade para que todos os actores clave do Barbanza, dende veciñanza ata institucións, se involucren activamente na creación dunha comunidade enerxética que lles permita tomar o control do seu consumo e produción de enerxía”. A colaboración de todos os sectores é esencial para asegurar que esta transición sexa inclusiva e beneficie á comunidade no seu conxunto, apuntan fontes do Laboratorio.
Entidades socias do proxecto
Fundación RIA, entidade coordinadora do proxecto [comunicación e gobernanza do partenariado]
Plataforma pola Defensa do Monte [planificación e xestión sustentable do territorio]
Universidade de Santiago de Compostela (CISPAC e HISTAGRA [avaliación da sustentabilidade na xestión comunitaria e aproveitamento enerxético colectivo] e UXAFORES [rexeneración de solos e captura de carbono])
Universidad Pablo Olavide de Sevilla [avaliación da sustentabilidade na xestión comunitaria]
Fundación Montescola [prospectiva comunitaria, voluntariado e educación medioambiental]
Concello de Rianxo [programa de talleres formativos, apoio á coordinación]
Colaboran as CMVMC de Baroña; Leiro; O Fieitoso de Taragoña; Araño; Paradela; Isorna; Campelo,
Vilar e Cerqueiras.
Nesta acción colabora o Observatorio Eólico de Galicia que conta cunha ampla experiencia no sector eólico de Galicia.
Apoio
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.



