A Asociación Cultural Alfaia e o Concello de Ribeira presentaron a axenda do Samaín de Ribeira, un estarrecedor programa de actividades que se estenderá ao longo de toda a fin de semana. A axenda, que cubrirá tres xornadas (do venres ao domingo) foi debullada pola concelleira de Cultura, Antía Alberte e María José Carreira representante da dita asociación.
A edil recordou que Alfaia é unha das asociacións máis antigas de Ribeira vinculada ao baile pero a maiores veñen facendo este festival de decoración temática na Carpa Municipal do Concello e “fan un traballo espectacular xunto aos obradoiros de maquillaxe para os cativos honrando toda esta época de misterio e paganismo, a cultura da Santa Compaña e traballando a cultura do medo”.
María José Carreira tamén agradeceu ao Concello polo constante apoio á asociación e quixo homenaxear ás compañeiras da xunta directiva que “hoxe non poden estar aquí”. Lembrou tamén os
comezos da asociación hai 27 anos, nun intre no que “buscabamos encher un espazo de actividades para os nenos; porque nós daquela tíñamos nenos pequenos e detectamos que había un baleiro de actividades para eles”. Recoñeceu que na actualidade boa parte da actividade da asociación céntrase en “fomentar e recuperar as tradicións locais de Ribeira”.
Respecto das actividades programadas para este Samaín, este ano apóstase por un pequeno festival no auditorio vello con desfile pola rúa cara o Carpa Multiusos onde está previsto “un acto de inauguración arrepiante”.
VENRES Día 1 de novembro
18.00 h Auditorio, Praza dos Mariñeiros
Actuación do Grupo de Baile da Asociación Alfaia
Entrada gratuíta 1⁄2 hora antes da sesión ata completar aforo.
Ao rematar irán en desfile desde o Auditorio, pasando pola rúa romero Ortiz, rúa de Galicia ata chegar ao Espazo Multiusos (Carpa Municipal na rúa Galicia).
19.00 h Espazo Multiusos (Carpa Municipal)
Inauguración do Samaín a cargo da Asociación Alfaia
Quedará aberta ata 21.00 horas
SÁBADO Día 2 de novembro
Espazo Multiusos, obradoiros de maquillaxe
17.00 a 21.00 h
DOMINGO Día 3 de novembro
Espazo Multiusos
Baile infantil con larpeiradas
17.00 a 21.00 h
Exposición de monstros do 1 ao 3 de novembro
Aberta e gratuíta no seguinte horario:
· venres de 19.00 a 21.00 h
· sábado e domingo de 17.00 a 21.00h