
O Partido Socialista de Rianxo vén de anunciar que solicitará a convocatoria dun pleno extraordinario coa finalidade de “abordar diversas cuestións de relevancia para o concello”. A petición realízase ao amparo do artigo 46.2.a) da Lei 7/1985, do 2 de abril, Reguladora das Bases do Réxime Local (LRBRL), que, segundo lembra a agrupación, faculta aos grupos políticos a convocar sesións extraordinarias para “tratar asuntos de especial importancia”.
Neste pleno extraordinario, o Partido Socialista de Rianxo ten como obxectivo concreto “esclarecer a situación actual e ofrecer transparencia sobre os seguintes temas: as contas do exercicio 2023 (analizarase a situación financeira do Concello correspondente ao exercicio do ano 2023); a implantación do servizo de atención temperá (debaterase a posta en marcha deste servizo fundamental para a atención temperá de menores, en palabras dos socialistas “un recurso vital para moitas familias en Rianxo”); a construción do centro de día de Rianxo (abordarase o estado do proxecto do centro de día, clave para mellorar a atención ás persoas maiores na localidade, así como o avance das obras e a súa data prevista de finalización); a creación de solo industrial e implantación de Stolt Sea Farm; e as obras con cargo ao POS 2024 da Deputación e anteriores pendentes de finalización e, segundo afirma o PSOE, “aínda incompletas”.
O Partido Socialista de Rianxo considera que estes asuntos son de “vital importancia para o presente e futuro do noso municipio”.



