Os socialistas de Rianxo emitiron un comunicado no que solicitan “a dimisión inmediata do alcalde Julián Bustelo, como responsábel da área municipal de Comercio”. Segundo fin, “durante este mandato o rexedor demostrou ser incapaz de aplicar nin unha soa medida en favor do comercio rianxeiro, como por exemplo á hora de conceder as subvencións que o partido socialista local propuxo para as asociación de comerciantes, 5000€ a cada unha delas para que poidan desenvolver os seus proxectos, e sendo incapaz de aplicar outros 5.000 euros para a dinamización comercial por parte do Concello”.
No comunicado apuntan a que “esta falta de compromiso económico local débese á ausencia dunha estratexia clara de fomento e dinamización do comercio e tamén revela unha preocupante desconexión entre o equipo de Goberno municipal e as necesidades reais da veciñanza”. Din tamén que “a única solución digna a esta situación é unha dimisión inmediata, e asignar outro concelleiro ou concelleira, e que asuma de verdade esta área, coa intensidade que require”. Para os socialistas, “esta situación deriva da falta de interese e tempo en acometer as actuación necesarias para dinamizar o concello, quedando no último posto na comparativa comercial no asentamento de empresas en 15 meses, só se asentaron en Rianxo 8 novas firmas”.




