Este 15 de outubro a concelleira de Educación de Ribeira, Cruz Rivadulla, e a responsábel de Normalización Lingüística, Alicia Padín, presentaron a obra de teatro Wombo Combo, que se representa este domingo 20 no novo Auditorio Municipal, da man do programa de dinamización do galego FalaRedes da Secretaría Xeral da Lingua e o Concello. Trátase dunha obra escrita por Paula Carballeira, Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023.

A función Wombo Combo está dirixida á mocidade e ao público xeral a partir de 8 anos e achega unha reflexión sobre as vidas virtuais e a soidade na adolescencia, sobre como o bo ou mal uso das redes sociais, presentes na nosa vida cotiá, pode levarnos a un desenvolvemento persoal óptimo ou á frustración e ao illamento.
Trátase dunha sesión gratuíta dentro da oferta de programación da Rede de Dinamización Lingüística á que pertence o Concello de Ribeira. “Cunha posta en escena colorista, próxima e dinámica, veremos o noso mundo real” de carne e óso contraposto ao virtual, nun espazo, o teatro, que nos leva á diversión e tamén á reflexión”, sinalaron Cruz e Alicia na presentación.
Sinopse
A Sara no lle gusta a súa vida. Ou polo menos a que chaman a súa vida real. Nesa vida real nada lle vai ben: non ten case amigas e moito menos amigos, búrlanse do seu aspecto, non é brillante nos estudos, nin sequera mediocre. Sara ten a sensación de que podería desaparecer e ninguén se decataría. Pero Sara ten outra vida, na que xoga en liña con ducias de persoas, ten éxito e é imbatíbel nas loitas. Sara pasa cada vez máis tempo nesa vida virtual e menos na vida real. Deixa de falar, de comer, de durmir. Ata que entra nun videoxogo novo, Revamp, onde unha misteriosa voz en off lle vai propoñendo retos que debe cumprir na vida real se non quere sufrir as consecuencias. A partir dese momento, Sara toma consciencia de que non é posíbel unha vida sen a outra.
Intérpretes: Alba Bermúdez, Mario Rodrígez, Tone Martínez
Espazo escénico e vestiario: Anahí Taraburelli
Espazo sonoro: Davide González
Deseño Iluminación: Nacho Martín
Dramaturxia: Paula Carballeira
Dirección: Davide González




