O Elma da Pobra recupera a súa vertente máis cinematográfica coa proxección de sete aclamados filmes

31 Outubro 2024

A Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal activou o ciclo Venres de cine que traerá un total de sete filmes á localidade durante o 2024-2025. “Nos vindeiros meses, o Elma converterase tamén nunha sala de cine. Teremos películas recentes e premiadas do ámbito galego, nacional e internacional”, declarou a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, quen puxo o foco nun dos grandes reclamos da mostra: a distribución de tarxetas para “recuperar así a tradición de levar para a casa a entrada de cada película como había antigamente no Elma. Levarán este recordo coa sinopse”, engade. Unha oferta cultural con variedade na temática, como apuntou a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, pois estará presente o drama e o terror, entre outros xéneros.

Esta axenda comeza no 15 de novembro con O corno; un drama ambientado na Galicia dos anos 70. María é unha muller que gaña a vida recollendo marisco, pero tamén é coñecida por axudar a outras mulleres no parto. Tras un suceso inesperado, vese na obriga de fuxir e emprender unha perigosa viaxe que a levará a cruzar unha das rutas de contrabandistas entre Galicia e Portugal.

No 5 de decembro toca asistir a 20.000 especies de abellas que narra a historia de Cocó, unha nena trans na busca da súa identidade. A súa nai, sumida nunha crise profesional e sentimental, aproveitará as vacacións para viaxar cos seus tres fillos á casa materna, onde se crían abellas e se produce mel. Ese verán cambiará as vidas das mulleres de tres xeracións distintas.

Nosotros é unha longametraxe que se poderá ver no 10 de xaneiro. Neste thriller enfróntase a unha entrañábel familia estadounidense a un inimigo tan insólito como aterrador.

A complicada situación laboral e persoal de Ramona, unha muller de corenta anos dun pobo da costa galega, levarase á pantalla no 14 de febreiro con Matria. Esta fai malabarismos con múltiples traballos para manterse a flote e proporcionar un futuro mellor á súa filla.

El fotógrafo de Mauthausen achega no 14 de marzo a historia de Francesc Boix, un preso que traballa no laboratorio fotográfico e arrisca a súa vida por uns negativos que demostrarán ao mundo as atrocidades cometidas polos nazis. As instantáneas que lograron salvar a Boix e os seus compañeiros foron determinantes para condenar a altos cargos nazis nos xuízos de Núremberg en 1946.

Con Malasaña 32 trasladarase ao público ao Madrid dos anos 70 no 11 de abril. Unha familia deixa atrás un pobo na busca da prosperidade que parece poder ofrecerlles a capital nun país en plena transición política. Pero, na casa que compraron, non están sos.

E rematarase no 9 de maio con As Neves: unha rapaza desaparece nunha festa de Entroido dun grupo de adolescentes nun pobo galego de montaña. Iniciarase unha investigación que causará un profundo cambio nas súas vidas e na súa relación co mundo.

Todas estas proxeccións serán ás 21.00 horas, con entrada libre ata completar a cabida.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

“Prácticas caciquís” – José Manuel Pena

Nos últimos tempos, a dereita política española está a preocuparse máis en lanzar trolas e mentiras para tratar de despistar sobre os múltiples casos de corrupción que tiveron, con sentenza firme, e que aínda ten xudicializados. Desde que o sr. Feijóo chegou á capital...

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

“Votar e rebotar”. Xulio Xiz

Na Administración hai informes preceptivos, que compre solicitar para completar determinados procedementos. E estes poden ser vinculantes ou non, segundo haxa que facerlles caso, ou a resolución pode disentir deles. Desde o concello de Lugo chaman a votar sobre o nome...