O Concello de Rianxo renovará a totalidade das luminarias do paseo marítimo ao longo dos vindeiros meses, a través dun proxecto que conta cun investimento de 95.000€ e que conta co apoio da Deputación da Coruña, mediante o seu Plan Único.
Esta iniciativa executarase en tres fases sucesivas e prevese que nos vindeiros días saia a licitación a renovación das primeiras 31 luminarias entre Setefogas e A Carballeira, segundo confirmaron fontes do Concello, que engadiron que as luminarias actuais cambiaranse por outras de maior eficiencia enerxética que empregarán tecnoloxía LED. O alcalde, Julián Bustelo, salientou que a día de hoxe boa parte das luces do paseo non están operativas, principalmente pola falta de mantemento, o que “limita o uso desta área de lecer”.




