O Executivo rianxeiro de Julián Bustelo impulsa a contratación do alumnado do obradoiro Monte Noso con incentivos económicos para as empresas. O obxectivo, en palabras do Concello, é “propiciar a inserción laboral das persoas que neste momento se están a formar nas especialidades de repoboacións forestais e tratamentos silvícolas, así como en actividades auxiliares de conservación e mellora de montes”.
Para acceder ás axudas, por importe de 1.500€, as empresas interesadas terán que ofrecer un contrato mínimo de tres meses a xornada completa en postos relacionados cos contidos do obradoiro.
As bases e toda a información pode consultarse no Taboleiro da Sede Electrónica do Concello de Rianxo. O prazo para solicitar as axudas será dun mes a partir da súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.




