O Concello de Boiro ten entre os seus obxectivos a curto prazo mellorar da eficiencia enerxética do Centro Social de Cures. Para acometer as actuacións recibiuse unha subvención da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes por importe de 95.764,32 euros.
O Concello explica que o proxecto total ascende aos 142.277,75 euros e as actuacións que se pretenden acometer buscan “a mellora da eficiencia enerxética no Centro Social de Cures co cambio de carpinterías exteriores e a cuberta existente por unha de fibrocemento, tella e illamento para a mellora da envolvente; así como o revestimento de xeso laminado con illamento térmico e falsos teitos con illamento”.
Os traballos abranguen ademais a instalación dun sistema de ventilación con recuperador de calor e a substitución de luminarias existentes por luminarias LED e prendido con sensor de presencia en aseos e corredor. A obra vaise rematar coa limpeza a impermeabilización das fachadas de pedra exteriores, o cambio de carpinterías interiores e o pintado de todas as estancias.
Como dixemos, para levar a cabo esta actuación o Concello de Boiro vén de recibir unha subvención de carácter plurianual, en réxime de concorrencia competitiva, para a realización de obras de eficiencia enerxética en edificios e infraestruturas vinculados á prestación de servizos municipais convocadas pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e co-financiadas pola Unión Europea no marco do programa Galicia FEDER 2021-2027.



