A concelleira de Ensino, Carmen Silva, participou este luns 7 de outubro na xornada de presentación-inauguración dos Intercambios Lingüísticos 2024/2025 do Concello de Boiro, unha actividade que se vai desenvolver todos os luns pola tarde na Casa da Cultura de Boiro.
O obxectivo destas xornadas é formar grupos de conversa entre persoas de distintas nacionalidades para aprender a lingua, cultura e costumes dun país. A concelleira de Ensino, Carmen Silva, mostrouse moi satisfeita do traballo realizado polo grupo: “O ano pasado fíxose por primeira vez esta iniciativa que deu moi bos resultados xa que permitiu a persoas de distintas nacionalidades compartir experiencias e reforzar a práctica dunha lingua”.
Hai inscritas preto de vinte persoas con preferencias en distintas linguas polo que se formarán pequenos grupos de conversa en inglés, francés ou alemán. O grupo reunirase todos os luns pola tarde na Casa da Cultura de Boiro e aínda quedan prazas dispoñibles para aquelas persoas que desexen inscribirse no programa.




