
O Xulgado do Mercantil número 2 da Coruña acaba de notificar á empresa ACTEMSA a homologación do seu plan de reestruturación, o que significa, entre outras cousas que con efectos inmediatos a operadora de túnidos e peixe conxelado con sede na Pobra do Caramiñal “poderá garantir o mantemento da actividade empresarial e da totalidade dos postos de traballo, máis de 250 traballadores directos e máis de 400 indirectos”, sinalou a firma nun comunicado, engadindo que o dito plan implica a reestruturación financeira total da débeda da compañía presidida por Severino Escurís, un restablecemento do equilibrio entre o capital e o patrimonio neto da sociedade, a transformación de ACTEMSA en sociedade de responsabilidade limitada e a futura fusión con Brisiña S.A. Isto, engádese, “suporá o control desta compañía reforzando negocio e patrimonio”.
Co devandito auto do 27 de setembro, a empresa sinala que dá por superada “a crise ocasionada polo afundimento dos mercados pesqueiros, o que significou a caída de moitos operadores globais; agradecendo o compromiso coa compañía das entidades financeiras, provedores e os grupos JEALSA e Albacora”.
O director executivo e vicepresidente de ACTEMSA, José Luis Escurís, destacou a “aposta neste plan de reestruturación en clave de futuro, para blindar e ampliar o emprego, con máis de 250 postos de traballo que incrementaremos en breve por necesidades de produción, unha vez superada a crise global que afectou aos mercados pesqueiros”.
30 anos de historia en evolución
ACTEMSA é unha empresa familiar fundada en 1994 por Severino Escurís Batalla dedicada á importación e A exportación a nivel global de peixes conxelados, así como ao procesado de túnidos. Así mesmo, achega servizos de conxelación e de asistencia técnica a empresas conserveiras e pesqueiras.
Situada no Polígono da Tomada, na Pobra do Caramiñal (A Coruña), comezou como comercializadora de pescados –túnidos en especial- e cefalópodos, para o que instalou as súas cámaras frigoríficas na Pobra, con compras por conta propia e servizos de frío a outras empresas da zona.
En 2000 iniciou a elaboración de lombos de atún, con destino a firmas conserveiras de toda Europa e actualmente, importa peixe das tres grandes áreas pesqueiras mundiais de atún: Latinoamérica, África e Asia.



