COGAMI, en colaboración coas entidades que integran a confederación, celebrou este martes 22 de outubro unha concentración simultánea en diversas localidades galegas para visibilizar a falta de transporte adaptado. Baixo o lema Teletransporte contra a discriminación, esta campaña estendeuse tamén a nivel estatal coa seguinte reivindicación: “Ata que o teletransporte sexa viábel, que polo menos os transportes habituais cumpran as leis de accesibilidade”.
Durante estas concentracións, que se celebraron (tamén) en Ribeira, Muros e Noia, as persoas participantes luciron vestimentas inspiradas na serie de ciencia ficción Star Trek, destacando o paralelismo entre a ciencia ficción do teletransporte e a realidade que aínda afrontan moitas persoas con discapacidade física e orgánica no seu día a día: a imposibilidade de utilizar un transporte público accesible.
Lectura do manifesto
Nas concentracións, representantes de cada unha das entidades convocadas leron un manifesto no que reclamaban (entre outras cousas) “visibilizar e denunciar a falta de accesibilidade no transporte, as barreiras que nos impiden ás persoas con discapacidade física e orgánica poder coller un autobús para realizar actividades tan cotiás como ir ao supermercado, ao médico, traballar, estudar ou para ir de paseo”. Tamén exixiron garantir o Dereito á Mobilidade: “As persoas con discapacidade non debemos ser excluídas nin privadas dos nosos dereitos á autonomía, á saúde, á educación nin tampouco ao emprego por falta de accesibilidade no transporte”. E engadiron: “A través desta campaña, exiximos que se nos garanta a accesibilidade universal en infraestruturas e vehículos, aquí queremos incluír a dispoñibilidade de puntos de recarga e subministro eléctrico para dispositivos médicos esenciais como os equipos de oxíxeno líquido, fundamentais para persoas con discapacidade orgánica que requiren apoio respiratorio”.
Tamén reclamaron que o persoal dos medios de transporte estea formado, que coñeza como poder asistir ás persoas con discapacidade, asegurando que teñan un trato digno e adaptado ás súas necesidades. E concluíron: “Dende COGAMI e as nosas entidades membro pedimos que se nos garanta a accesibilidade universal nas infraestruturas e vehículos. Queremos que todas as estacións, terminais e vehículos de transporte cumpran coas normas de accesibilidade: dende ramplas, ata ascensores, plataformas elevadoras, aseos, espazos suficientes para varias persoas usuarias de cadeiras de rodas e que conten con puntos de recarga e subministro eléctrico para as persoas que requiren apoio respiratorio. A accesibilidade debe estar presente dende a compra do billete ata o uso dos servizos básicos”.
Concentracións en Galicia
Santiago: Asociación AGAPA, ALCER Coruña e centro de COGAMI en Medelo – Avenida do Mestre Mateo (parada de autobús)
A Coruña: Asociación GRUMICO – Avenida do Ferrocarril, 2
Val do Dubra: Asociación AVANTE – Parada de autobús onde a sucursal de Abanca
Arzúa: Asociación AMARAI – Alcalde Juan Vidal s/n
As Pontes: Asociación A Xanela – Rúa 8 de Marzo s/n
Muros: Asociación ADISBISMUR – Av. Castelao, 73
Ribeira: Asociación AMBAR – Praza dos Mariñeiros, 9
Noia: Asociación MISELA – Lugar de Orro AC 550 km 70-71
Lugo: centro de COGAMI en Fingoi – Praza da Constitución s/n (diante da estación de autobuses)
Monforte de Lemos: Asociación AGORA – Rúa San Pedro, 3
Ourense: Asociacións AIXIÑA, AODEMPER, ALCER, AFFOU e ACCU – Praza Maior
O Barco: Asociación DISVALIA – Avenida Estación Ferrocarril
Pontevedra: Asociación AMIZADE – Praza de Ourense
Vigo: Federación COGAMI Pontevedra, Asociación Galega de Fibrose Quística, AVEMPO e AVIDEPO – Parada de autobús, rúa Teixugueiras, nº 14, Navia
Ponteareas: Asociación ADAPTA – Estación de autobuses, rúa Castañal
Reivindicación por un transporte inclusivo
A falta de accesibilidade nos medios de transporte públicos supón unha barreira diaria para moitas persoas con mobilidade reducida, limitando o seu acceso a servizos fundamentais como a educación, o emprego e a sanidade. Esta situación vulnera dereitos fundamentais. A través de Teletransporte contra a discriminación COGAMI busca concienciar á cidadanía e instar ás administracións públicas a que se cumpran as normativas de accesibilidade.
Acción a nivel estatal
Esta acción non se limita a Galicia, senón que forma parte dunha mobilización a nivel estatal promovida pola Confederación Española de Persoas con Discapacidade Física e Orgánica (COCEMFE), entidade da que COGAMI forma parte. De xeito simultáneo, concentracións semellantes tiveron lugar en cidades como Guadalaxara, Albacete, Cáceres, Badaxoz, Ceuta, Logroño, Sevilla, A Liña da Concepción, Zaragoza, Murcia, Albacete, Huelva, Alacante, Santander e Madrid, uníndose á reivindicación dun transporte sen barreiras.
A campaña está financiada a través das subvencións para actividades de interese social do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030. Dende COGAMI, confían en que esta acción axude a impulsar cambios efectivos que garantan o acceso universal ao transporte público para as persoas con discapacidade.