Este último domingo de outubro celebrouse en Taragoña a primeira Xornada por un Monte Vivo, un evento organizado polas entidades socias do proxecto no Campo Maneiro (Rianxo). A xornada comezou cunha serie de sesións formativas e divulgativas sobre a sustentabilidade do monte e os diferentes usos e aproveitamentos que aquel pode ter, alén da explotación madeireira tradicional.

Un dos momentos destacados foi a demostración a cargo da comunidade de montes de Baroña, que mostrou o funcionamento do seu serradoiro portátil e a técnica de resinado do piñeiro, un proceso clave para o aproveitamento eficiente da madeira. O xantar correu a cargo do restaurante Curral do Marqués, que preparou pratos elaborados con ingredientes procedentes do monte, destacando o valor dos produtos locais.
A xornada pechouse cunha ruta guiada polos traballos silvícolas realizados nos montes da plataforma, explicando a importancia dos traballos realizados e a evolución da biodiversidade na zona. A ruta incluíu unha visita ao miradoiro do Castro Barbudo, onde a Asociación O Baixo Ulla realizou unha lectura da paisaxe a través das distintas capas da historia.
As Xornadas polo Monte Vivo continúan
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza convocou a segunda xornada para o próximo sábado, 2 de novembro, en Leiro. As actividades da mañá terán lugar na explanada detrás da Casa Reitoral de Leiro, onde se destacan as actividades infantís, os traballos de eliminación de acacia negra, así como as demostracións de pastoreo comunitario e de transformación de madeira. Amais, realizarase unha visita á plantación experimental de castiñeiros do CIF Lourizán, situada en Leiro.
Pola tarde, as charlas e debates trasladaranse ao Centro Cultural Vicente Vidal, onde a xornada rematará cunha sesión de música e festa. A comida será popular, e ofrecerase unha degustación de produtos locais do monte, como carne de poldro da comunidade de montes de Baroña e carne de cabrito das comunidades da Plataforma pola Defensa do Monte.
Será unha xornada con numerosas actividades gratuítas e abertas a toda a cidadanía. A inscrición previa é obrigatoria e pódese realizar a través do correo info@barbanzaecosocial.org.
Estas xornadas celébranse unha vez superados os primeiros oito meses do proxecto ao abeiro da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), como mostra a pequena escala dos avances do proxecto neste período. Tras ser seleccionado na convocatoria de bioeconomía forestal, o Laboratorio recibiu case 2 millóns de euros de fondos europeos para intervir nos montes de Rianxo cos obxectivos de xerar emprego e oportunidades económicas, conservar a biodiversidade e previr incendios forestais.
Entidades socias do proxecto
–Fundación RIA, entidade coordinadora do proxecto [comunicación e gobernanza do partenariado]
-Plataforma pola Defensa do Monte [planificación e xestión sustentable do territorio]
-Universidade de Santiago de Compostela (CISPAC e HISTAGRA [avaliación da sustentabilidade na xestión comunitaria e aproveitamento enerxético colectivo] e UXAFORES [rexeneración de solos e captura de carbono])
-Universidad Pablo Olavide de Sevilla [avaliación da sustentabilidade na xestión comunitaria]
-Fundación Montescola [prospectiva comunitaria, voluntariado e educación medioambiental]
-Concello de Rianxo (programa de obradoiros formativos, apoio á coordinación)
-Colaboran as CMVMC de Baroña; Leiro; O Fieitoso de Taragoña; Araño; Paradela; Isorna; Campelo, Vilar e Cerqueiras.
O Laboratorio Ecosocial do Barbanza conta co apoio da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR), financiado pola Unión Europea – NextGenerationEU.
Programa da actividade deste sábado 2 de novembro (de 9:30 a 19:00 h)
Inmediacións do Centro cultural Vicente Vidal de Leiro, Rianxo
9:30 Traballos comunitarios en Leiro para a rexeneración de áreas degradadas pola presenza de acacia negra
A cargo da CMVMC Leiro e Montescola, colaboran IES Félix Muriel, Brea Segade
Punto de encontro no aparcadoiro do cemiterio de Leiro, Rianxo
9:30 Pintura mural no refuxio para as cabras e outras actividades enfocadas para nenos e nenas, que se desenvolverán en paralelo aos traballos comunitarios
A cargo da CMVMC Leiro e Montescola, colaboran centros escolares da zona
12:30 Visita á plantación experimental de castiñeiros do CIF de Lourizán en Leiro
A cargo da CMVMC Leiro, coa intervención de Anxela Miguéns, presidenta da CMVMC Leiro, e Beatriz Míguez Soto, técnica do CIF de Lourizán
13:30 Obradoiro de transformación de madeira con serradoiro portátil
A cargo da CMVMC Baroña
14:00 Demostración de pastoreo comunitario
14:30 Xantar comunitario e degustación de produtos do monte
A cargo da Fundación Montescola, CMVMC Leiro, CMVMC Fieitoso de Taragoña e CMVMC Baroña
16:10 Presentación do tríptico de recomendacións para a eliminación de especies invasoras, elaborado pola CMVMC de Leiro
16:15 Presentación do libro do Laboratorio Cando eramos sostibles
Coa intervención de David Fontán, investigador do grupo HISTAGRA
16:30 Charlas e debate
Fina Fernández López, xenetista
Hai un futuro para o castiñeiro de madeira na Galiza Atlántica?
Xosé Carlos Castro García, axente facultativo ambiental da zona norte de Rianxo.
Retos para unha ordenación sostible do monte no Barbanza
Xosé Antón Araúxo, presidente da CMVMC de Couso
Modelo de xestión do monte comunal
Joám Evans Pim, director da Fundación Montescola
Mobilidade comunitaria e comunidades enerxéticas
Debate moderado por David Fontán, investigador do grupo HISTAGRA
18:00 Peche das xornadas
Intervén Rafael Saco, presidente da Plataforma pola Defensa do Monte
18:10 Festividade e música a cargo de agrupacións locais



