Do 31 de outubro ao 2 de novembro Rianxo vivirá unhas xornadas terroríficas coa celebración do Samaín organizado pola Asociación A Moreniña e o Festival Antrospinos, xunto co Concello e contando coa colaboración da Asociación Rianxeira de Empresarios (ARE).
A axenda do Samaín rianxeiro inclúe diferentes obradoiros, animación nas rúas, chocolate con churros e moita música. Ademais, o Museo do Mar de Rianxo transformarase no Museo do Mal, unha casa do terror que será visitábel de 19:00 a 21:00 horas. Con todo, o epicentro da festa estará situado no Campo de Arriba de Rianxo.
A troula terrorífica collerá impulso o venres 1 de novembro con obradoiros de cabazos, un magosto, chocolate con churros e xogos populares, ao que se suman o espectáculo itinerante de terror SubUmbra de Troula Compañía e pola noite festa de disfraces con Layaya DJ e DJ Magán.
O sábado 2 haberá sesión vermú con Saraghallada, espectáculo infantil con Antón Ke, serán e música á noite con Maruxa e Coralia, Misto e Gasholino, e festa de disfraces con Rockolas e DJ Quimba.
Podemos ver o cartaz ao detalle na web das Festas da Guadalupe (Asociación A Moreniña).




