O proxecto Amiríos da asociación da nosa comarca Amicos impulsa durante este mes de outubro unha exposición itinerante informativa que percorrerá distintos puntos públicos da comarca Barbanza – Noia para concienciar sobre a importancia da conservación dos ríos. Así, Boiro foi a primeira localidade en acoller esta mostra a partir deste xoves, 10 de outubro, punto no que se celebrou un acto de presentación en praia Xardín. A mostra exporase na praia de Barraña, a onde foi trasladada este xoves pola noite, até este domingo.
No evento participaron un cento de escolares do CEIP Santa Baia, aos que acompañaron a concelleira de Medio Ambiente e Mar de Boiro, Olga González, a concelleira de Medio Rural e Servizos Municipais de Ribeira, Tania Redondo, a vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias, e o membro da xunta directiva da entidade Arturo Romarís.
A vicepresidenta de Amicos, Digna Iglesias, quixo agradecer a presenza de tódolos asistentes ao acto, tralo que destacou o carácter informativo “destes tótems que viaxarán por varios concellos da comarca do Barbanza para concienciar sobre a importancia de manter coidados os ríos. Se ben concentran moita información, os encargados da tarefa máis importante son os mozos e mozas de Amicos, os axentes mediambientais. Persoas con discapacidade intelectual impulsoras do proxecto e os encargados de sensibilizar á sociedade, tanto adultos como escolares”.
Acto seguido, a presentación do proxecto recaeu en Adriana Miguéns, Alfonso Pérez e Héctor Ceguirre, tres dos axentes medioambientais de Amicos que forman parte do equipo de Amiríos. Nesta iniciativa, como en tódalas accións de Amicos, as persoas con discapacidade intelectual son as encargadas de conducir as accións de sensibilización, adoptando sempre un rol activo no activismo medioambiental e a cidadanía compartida.
Pola súa banda, a concelleira de Medio Ambiente e Mar boirense tamén quixo “agradecer á asociación Amicos por facernos partícipes dun proxecto como Amiríos. No Concello de Boiro estamos sempre abertos a propostas tan interesantes como esta, na que as persoas con diversidade funcional son as encargadas de visibilizar a biodiversidade que temos nos nosos ríos e trasladarnos da necesidade de ser máis respectuosos co medio ambiente”.
Logo, a concelleira de Medio Rural e Servizos Municipais de Ribeira recalcou que “desde o Concello de Ribeira e a Concellaría de Medio Ambiente apoiamos este proxecto Amiríos, que busca protexer e restaurar ríos e fomentar actitudes sostíbeis na sociedade, enfocándose en apoderar aos participantes sobre o valor dos recursos hídricos”.
“Finalmente dar os parabéns a Amicos por unha iniciativa que o que fai é canalizar formación que desemboque na propia sensibilización e concienciación nos sistemas hídricos, promovendo a participación activa, especialmente dos mozos, na conservación de ríos incluíndo sempre a persoas con discapacidade. O seu obxectivo é valorar os ecosistemas acuáticos e a súa recuperación, vinculando a saúde ambiental coa calidade de vida”.
Acto seguido, foi a quenda das actividades de sensibilización deseñadas ao abeiro do proxecto, mediante as que tanto o alumnado do CEIP Santa Baia como as representantes institucionais achegáronse de forma lúdica á situación dos ríos e lagoas da zona, así como á biodiversidade e ao estado das súas augas.
Unha mostra viaxeira para concienciar á poboación
Amiríos é un proxecto promovido pola Asociación Amicos e financiado por Augas de Galicia, entidade adscrita á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta. A iniciativa nace para promover a participación activa de toda a sociedade na conservación e mellora dos ríos, partindo da situación das fontes fluviais da zona hidrográfica Galicia Costa. Neste senso, entre as distintas accións levadas a cabo ao abeiro do proxecto está a instalación de distintos puntos de información en forma de mostra itinerante en espazos públicos da zona hidrográfica Galicia Costa.
Ao longo do mes de outubro, a mostra informativa estará exposta na senda de Praia Xardín de Boiro, no paseo marítimo de Porto do Son a partir do luns 14, na Praza do Concello de Noia
dende o venres 18, na praza de Padrón de Rianxo a partir do martes 22, e na Avenida do Malecón de Ribeira dende o luns 28.
Sensibilizar con accións lúdicas e xornadas de voluntariado
As accións apóianse na educación e o voluntariado ambiental, a participación cidadá e a inclusión. Todas elas conducidas por persoas con discapacidade intelectual que contan con formación e experiencia como axentes medioambientais.
Ao abeiro deste proxecto estanse a realizar xornadas de sensibilización en campamentos e colexios, nas que ata o de agora xa participaron máis de 350 rapaces e rapazas.
Asemade, realizaranse distintas xornadas de voluntariado nos ríos Soñora, Artes, Brea, Ulla e Sar, así como en Corrubedo. Os e as voluntarias participarán de forma directa na conservación e rehabilitación ambiental destes mediante a restauración de vexetación autóctona e a erradicación de especies invasoras, nunhas accións conducidas polas Ecobrigadas.