Este luns 7 de outubro presentouse a terceira Andaina Solidaria Ribeira Contra o Cancro, que foi debullada nos seus detalles polo concelleiro de Deportes, Xabier Vidal, o concelleiro de Sanidade, Juan Luis Furones, a presidenta da Asociación Española contra o Cancro de Ribeira, Mara José Carreira máis membros da propia asociación. Segundo explicaron, a andaina solidaria celebrarase o vindeiro sábado 26 de outubro ás 18:00 h no Malecón (diante de Capitanía) e o percorrido será de 5 quilómetros con saída e chegada na explanada do porto. A contribución será de 5,00 € para adultos e 3,00 € para nenos e nenas ata os 12 anos; a maiores haberá a opción de mercar a camiseta por unha achega de 5,00 €.

As inscricións poderán realizarse no local da asociación na rúa do Estatuto no1 de luns a venres de 11.00h a 13.00 h e os martes e mércores de 18:00 h a 20:00 h., tamén as inscricións poderanse facer dende a web da asociación.
Vidal sinalou que en todas as edicións homenaxéase a unha persoa ou entidade “e este ano ten esta honra o Club de Fútbol Cidade de Ribeira por ser un club dos máis importantes de Ribeira e por ter esa estrutura de fútbol base que fai que os nenos e nenas de este concello poidan ter a alternativa do deporte, de vida saudábel tal e como propón o espírito desta andaina”.
Finalmente Xabier animou a participar tanto á rapazada como adultos e tamén ás mascotas que se poderán incorporar este ano.
Pola súa banda, Furones salientou que dita solidariedade tradúcese nuns fondos que maiormente van destinados á investigación e tamén a axuda das familias que teñen problemas derivados desta doenza. O doutor incidiu na loita contra o sedentarismo, “que é un dos principais obxectivos de loita do Código Europeo contra o Cancro que o nomea entre outros motivos da proliferación de dita enfermidade”.
María José Carreira agradeceu ao concello e concelleiros presentes por colaborar un ano máis nesta andaina solidaria, e anunciou que vai a contar con inchábeis para os nenos e nenas, cunha clase maxistral da escola El Tomasón, cunha exhibición do Ximnasio de Cardalda e máis sorpresas. Rematou agradecendo á Asociación de Veciños de Carreira polo labor da parte técnica, “que son os que determinarán antes de saír o percorrido a facer e como non, ao Cidade de Ribeira que é a entidade homenaxeada este ano”.




