
Foto de arquivo da ABE correspondente a gala de premios de 2023
Na noite deste 10 de outubro a asemblea xeral de socios da patronal boirense, a ABE, aprobou por unanimidade a modificación dos estatutos da entidade por cambio do réxime xurídico que regula a este tipo de entidades.
En termos concretos, aproveitouse para actualizar os fins sociais incluíndo temas relativos a TIC (novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación), emprendemento, igualdade ou medio ambiente (que antes non se recollían) ou aspectos do día a día como que as xuntanzas se poidan realizar online que, segundo sinalaron os membros da asemblea, comprobouse durante a pandemia que presentan múltiples vantaxes.
Lembraron tamén que dende o ano 1988 (fundación) soamente foi realizada unha pequena modificación en 2005 para integrar ao centro comercial aberto.
“Pero sen dúbida”, como indicou o presidente Daniel García “o que mais ilusión non fai como directivos da ABE é que a asemblea aprobara o cambio de denominación da asociación cara un mais inclusivo e que reflicta e represente ás moitas mulleres empresarias que están asociadas (preto do 45%)”.
A nova denominación da patronal de Boiro será Asociación Boirense de Empresas Centro Comercial Aberto de Boiro e o acrónimo seguirá sendo ABE. Como explicou Daniel García, trátase “dun pequeno cambio pero moi significativo xa que a asociación será unha vez mais pioneira, nesta ocasión en inclusión e igualdade”.
Todos estes cambios aprobados pola Asemblea entrarán en vigor no momento de que sexan validados polo rexistro de asociacións dependente da Xunta de Galicia, Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.



