As Festas Patronais de Santa Uxía vanse a celebrar desde o xoves día 12 setembro (Día de Santa Uxía), o venres 13, o sábado 14 e o domingo 15. Na presentación puxose o foco na variedade da axenda, cunha manchea de actividades culturais e musicais na que sobresae o espectáculo musical da Orquestra Mondragón co polifacético Javier Gurruchaga que se vai celebrar o día 14 ás 23:00 h na praza da Porta do Sol.
O concelleiro Suárez-Puerta debullou boa parte da programación das festas e comentou que “é un cartel para tódolos gustos e idades”, a continuación indicou que “queremos potenciar e poñer en valor esta festa”. Tamén informou que as bombas de palenque do día 12 botaranse ás 9, 12 e ás 13 horas.
O párroco Alfonso Mera recordou que o día 12 ás 12:00 h celébrase a misa pola patroa na que virá a cantar A Coral de Cee, entre outras agrupacións convidadas para tan relevante ocasión; despois da procesión haberá un ágape multicultural.
Pola súa banda, Paula Chouza presentou os detalles da Festa Oitententeira, que está programada para o segundo sábado de setembro: “Trátase dunha festa que xa se fixo o ano pasado e que este verán quixemos ampliar incrementando o número de locais participantes e vaise a celebrar ao logo de todo o día, implicando ao comercio local e ao resto da hostalería para participar decorando os establecementos e tamén á veciñanza, que poderá disfrazarse da década en cuestión para participar nunha ruta que se programará nestes días”.
A concelleira de Cultura, Antía Alberte, anunciou unha nova edición da Ruada do Traxe, o sábado 14 de setembro ás 19:00 horas, na que o Concello de Ribeira colabora ca Asociación Aires de Dorna nesta cuarta edición. Por outra banda Alberte anunciou a inauguración dunha nova exposición no Centro Cultural Lustres Rivas o vindeiro venres 13: a mostra Camiño da Arte, na que se fai unha exhibición de diferentes artistas nos locais e escaparates do comercio local, “fomentando o nexo entre comercio, artistas e cultura” sinalou Antía.
Programa das Festas de Santa Uxía

XOVES 12 DE SETEMBRO. DÍA DE SANTA UXÍA
• 09:00 h 12 bombas de palenque anunciarán a celebración relixiosa do día de Santa Uxía.
• 10:00 h Ruada a cargo do grupo de gaitas Xiada.
• 12:00 h 12 bombas de palenque anunciarán o comezo da Misa solemne.
• 12.00 h MISA SOLEMNE NA HONRA DA PATROA SANTA UXÍA, cantada pola Coral de Cee, na igrexa parroquial.
• 13:00 h 12 bombas de palenque anunciarán a procesión.
• 13.03 h Procesión acompañada do grupo de gaitas Xiada e da Banda de Música
de Noia que rematará cun pequeno concerto no adro da igrexa.
VENRES 13 DE SETEMBRO
• 17:00 h Inchables infantís, na praza de España, ata as 20:00 h.
• 21:00 h Inauguración da mostra colectiva de artistas locais Camiño da Arte, no Centro Cultural Lustres Rivas, entregarase un catálogo de balde a cada asistente.
• 23:00 h Verbena coa Orquestra Trébol na praza de Pontevedra en Bandourrío (pase único ata a 01:30 h).
SÁBADO 14 DE SETEMBRO
• 12:00 h Animación musical de rúas e prazas ao ritmo de charanga.
• 13:00 h Festa Oitenteira nos locais hostaleiros participantes, con premios e moita diversión. Organiza a Hostalaría de Ribeira.
• 13:00 h Acto de entrega de galardóns e inauguración da exposición XV Premio Atlante de Gravado, no Museo do Gravado de Artes.
• 16:00 h Animación musical a cargo do grupo tradicional O Rueiro de Palmeira.
• 19:00 h IV Ruada do Traxe Galego Aires da Dorna. Saída do auditorio municipal con percorrido polas rúas Romero Ortiz, Galicia, Rosalía de Castro, Malecón, Galicia, Rosalía de Castro, Alcalde Fernández Bermúdez, avda. da Constitución e desfile no novo Auditorio Municipal ás 20:00 h.
• 19:30 h Última ruta Camiño dos Mitos e Lendas, con Tonhito de Poi, no parque de San Roque, prazas limitadas, + 6 anos, de balde, info e reservas en 981 873007.
• 23:00 h Espectacular actuación musical a cargo da Orquestra Mondragón con Javier Gurruchaga, na praza de Porta do Sol.
DOMINGO 15 DE SETEMBRO
• 13:30 h Sesión DJ. Carlos Crespo e Kris K DJ coa Duendeneta, na praza de Porta do Sol. Rede de Dinamización Lingüística.




