Este martes 17 de setembro proseguen as Festas da Guadalupe de Rianxo, organizadas novamente pola Asociación A Moreniña coa colaboración do Concello de Rianxo e que nos deixaron esta fin de semana algúns momentos memorábeis, como o pregón de Adrián Mosquera (e a chegada do facho olímpico da man do atleta rianxeiro) ou o espectáculo de drons luminosos de Flock Drone Art do domingo pola noite.
Este martes 17 arrincará co concurso infantil de debuxo na rúa de Abaixo e logo cunha sesión vermú dobre a cargo de Os Festas (ruada) e Solara (na praza de Castelao). Pola tarde haberá obradoiros e demostracións de cultura urbana nos xardíns da Ribeira (breakdance, beatbox, rap) e ás 18.30 comezarán as actividades de irmandade coa vila de Padrón (Día de Padrón): recepción de autoridades (coa Banda da Escola de Música de Rianxo) e un concerto coa Banda Municipal de Padrón (no Campo de Arriba). Ás 20h actuará a Fanfarria Furruxa e pola noite Solara e a Banda Gaudí.
O mércores 18 arrinca con xogos na praza da Manuela (Xogando Miudiño) e cunha sesión vermú dobre con Nunca é Tarde (ruada ás 11.30) e o Trío Alborada (na praza de Castelao ás 14h). Ás 15 comezarán as homenaxes aos maiores co Xantar de Confraternidade e o baile (ás 16h). Ás 16.30 arrincará a Feira do Circo no parque da Martela e ás 20h a Charanga Santa Compaña ofrecerá unha ruada. A verbena virá da man dos Satélites e de América de Vigo.
O xoves 19 será o día do Feirón Mariñeiro (A Feira do 1924) nas rúas do centro histórico. Ás 12h actúa Cé Orquestra Pantasma e logo o Trío Alborada (ás 14h na praza de Castelao). Ás 21h haberá Noite Folc con Os Campantes da Baña, As Rianxeiras da Covecha, Galega de Bailables e Maruxa e Coralia. Pola noite verbena con Cinema e Gran Parada.
O venres 20 será o día infantil. Haberá unha xincana inchábel na praza Virxe da Guadalupe, unha festa da escuma na praza de Castelao (ás 13h), unha sesión vermú con mar de Arousa e pola noite unha gran verbena con Mar de Arousa, Saudade e Charleston Big Band. Tamén haberá unha unha verbena infantil nos xardíns da Ribeira (ás 23h) con As Máis Molonas de Pakolas. Ás 2.00 horas será a gran traca final da festa coas bengalas e o canto colectivo de A Rianxeira.