Un home de 73 anos natural de Padrón, morreu este venres atropelado por un tren cando cruzaba a vía por un lugar non autorizado. Dáse a circunstancia de que este home atropelara de mañá co seu tractor un veciño co que adoitaba traballar. Foi un accidente.
O ferido tivo que ser trasladado en helicóptero medicalizado ao hospital e o seu estado semellaba grave.
Dende que ocorreu o sinistro, nada se soubo do condutor do tractor. O home abandonou o lugar e os veciños, a policía e a garda civil buscárono pola aldea sen éxito. Despois, sobre as catro da tarde, chegou a fatal noticia do seu atropelo. O veciño co que adoitaba traballar está fóra de perigo.

O ferido pola mañá cortaba herba a man cando o vehículo o alcanzou. Foi evacuado nun helicóptero medicalizado ao hospital de referencia.
Cando faltaban escasos minutos para as 13 horas, un particular chamou ao 112 Galicia e alertou de que un tractor acababa de atropelar a unha persoa no lugar do Vilar, en Cruces (Padrón). No momento do accidente, os implicados atopábanse recollendo herba nunha finca.
Rapidamente, desde o 112 Galicia solicitouse a colaboración de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, do GES de Padrón e dos axentes da Garda Civil e da Policía Local.
Unha vez no punto, os servizos de emerxencias comprobaron que a persoa precisaba asistencia sanitaria urxente, pero permanecía consciente. Finalmente, foi trasladada no helicóptero medicalizado con base en Santiago.



