
O pleno da Corporación do Concello de Rianxo aprobou por unanimidade o proxecto presentado polo grupo socialista para a creación dun espazo de uso social destinado á realización de actividades terapéuticas e sociais. O PSOE sinalou que “esta decisión reflicte o compromiso do grupo municipal coas necesidades da veciñanza e a súa responsabilidade á hora de xestionar os recursos públicos”. O proxecto, que supón un investimento de 273.000 euros, busca garantir a finalización dun espazo social que permitiría, segundo explicou o voceiro socialista Óscar Rial, “o desenvolvemento de actividades comunitarias e a asignación de vivendas sociais coa seguridade necesaria, xa que a ocupación desas vivendas sen a finalización do proxecto sería unha decisión nefasta do Goberno de Rianxo, dada a situación que se está a vivir neste último ano nos baixos destas vivendas”, de aí a decisión dos socialistas de culminar este proxecto.
Os socialistas de Rianxo destacaron a importancia desta aprobación unánime como “un paso crucial para mellorar a calidade de vida da veciñanza, fomentando a inclusión social e proporcionando un espazo axeitado para actividades que promovan a saúde e o benestar dos cidadáns, como pode ser a desenvolvida actualmente por AGADEA”.
Óscar Rial engadiu que “é unha satisfacción ver como todos os grupos políticos do pleno entenderon a necesidade deste espazo social e actuaron con responsabilidade apoiando as modificación que propuxemos neste proxecto”. Sinalou tamén que “grazas ao labor do noso grupo, o Concello avanza cara a un futuro máis inclusivo e garantindo a utilización de espazos municipais de forma axeitada, e cun fin específico”.



