O Parque Nacional das Illas Atlánticas vén de ser elixido como un dos quince máis atractivos de Europa, segundo os usuarios de Jetcost. Foi seleccionado xunto con outros enclaves de gran relevancia natural e paisaxística, como o Parque Nacional de Doñana, en Andalucía, o Parque Nacional do Teide, nas Illas Canarias e o Parque Nacional dos Picos de Europa, en Asturias, Cantabria e Castela e León.
Explican dende Jetcost que “os parques nacionais son áreas naturais protexidas por cada país para preservar a vida silvestre e o medio ambiente natural” e que “existen máis de 500 parques nacionais en Europa, dos que unha decena están protexidos pola UNESCO e considerados Patrimonio da Humanidade, e neles é posíbel atopar picos de granito, bosques interminables de haxas, mananciais subterráneos e fervenzas espectaculares, animais salvaxes en liberdade e silencio abafador”. Son, sinalan, os lugares perfectos para un paseo tranquilo ou un reto deportivo.
Os usuarios do buscador de voos e hoteis valoraron desta volta os mellores parques nacionais de Europa e e o Parque Nacional das Illas Atlánticas, en Galicia, é un deles.
Así o define o buscador:
Parque Nacional das Illas Atlánticas Galicia (España)
Compartido polas provincias galegas da Coruña e Pontevedra, no extremo noroeste de España, atópase o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, no corazón das Rías Baixas, formado en parte polas illas Cíes, Ons, Cortegada e Sálvora (Ribeira). Neste lugar onde auga doce e auga salgada conflúen créase un ecosistema único, repleto de vida mariña e terrestre. No medio terrestre destacan os sistemas dunares, os cantís e as matogueiras de toxo e breixo. No medio mariño, con fondos rochosos, son importantes as comunidades de bosques de algas pardas que acollen unha gran variedade de seres vivos.
Estes son os outros 14 parques nacionais máis atractivos elixidos polos usuarios de Jetcost.es entre os de toda Europa: o Parque Nacional de Plitvice Lika (Croacia), o Parque Nacional de Doñana Andalucía (España), o Parque Nacional dos Abruzos Lacio e Molise (Italia), o Parque Nacional Dartmoor Devon (Inglaterra), o Parque Nacional da Peneda-Gerês Norte (Portugal), o Parque Nacional do Val de Lauterbrunnen – Brena (Suíza), o Parque Nacional da Selva Negra (Alemaña), o Parque Nacional do Vatnajökull (Islandia), o Parque Nacional do Cilento e Valo di Diano Campania (Italia), o Parque Nacional do Teide Illas Canarias (España), o Parque Nacional dos Dolomitas Bellunesi Véneto (Italia), o Parque Nacional de Écrins (Francia), o Parque Nacional dos Picos de Europa – Asturias, Cantabria e Castela e León (España) e o Parque Nacional de Durmitor (Montenegro).