
O sábado 5 e domingo 6 de outubro celebraranse as Xornadas por un Monte Vivo en Taragoña e Leiro (Rianxo) cunha programación chea de actividades para facer partícipe á cidadanía na xestión activa do territorio.
Ambas as dúas xornadas mostrarán os avances do proxecto nos últimos meses ao abeiro da Fundación Biodiversidad, visibilizando as boas prácticas das comunidades de montes de Rianxo e inspirando a outros axentes a traballar en rede.
Nas dúas quendas as entidades socias do proxecto desenvolverán múltiples actividades: sesións formativas e de divulgación, un roteiro comentado para visitar os traballos silvícolas dos montes da plataforma, pastoreo do seu rabaño de cabras, traballos comunitarios e charlas, entre outras.
Estas xornadas convócanse unha vez superados os primeiros oito meses do proxecto ao abeiro da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (MITECO), como mostra a pequena escala dos avances do proxecto neste período. Tras ser seleccionado na convocatoria de bioeconomía forestal, o Laboratorio recibiu case 2 millóns de euros de fondos europeos para intervir nos montes de Rianxo cos obxectivos de xerar emprego e oportunidades económicas, conservar a biodiversidade e previr incendios forestais.
Os obxectivos das xornadas son: demostrar a pequena escala a proposta presentada a Fundación Biodiversidad, dando continuidade de forma práctica e visitábel ás aprendizaxes do Laboratorio Ecosocial do Barbanza neste período; mostrar ás administracións a existencia deste proxecto e a vontade das comunidades de montes de Rianxo por seguir traballando nun proxecto común; informar á cidadanía sobre a importancia da xestión activa e custodia do territorio como garantes de sustentabilidade social, económica e ambiental; visibilizar boas prácticas das comunidades de montes locais xa en marcha; implicar á cidadanía na xestión do territorio, en especial ás novas xeracións, que serán quen constitúan as comunidades no futuro; inspirar a outras comunidades de montes a traballar en rede cara a unha maior sustentabilidade no aproveitamento dos seus territorios; e ilusionar ás comunidades de montes de Rianxo a través dun evento no que sexan protagonistas. Tamén se pretende documentar toda a experiencia e sumar o material xerado á bagaxe das entidades colaboradoras para outras convocatorias, solicitudes de axudas ou premios.

As entidades socias do proxecto son a Fundación RIA, entidade coordinadora do proxecto; a Plataforma pola Defensa do Monte, a Universidade de Santiago de Compostela (CISPAC, HISTAGRA e UXAFORES), a Universidad Pablo Olavide de Sevilla, a Fundación Montescola e o Concello de Rianxo. Colaboran as CMVMC de Baroña; Leiro; O Fieitoso de Taragoña; Araño; Paradela; Isorna; Campelo, Vilar e Cerqueiras.
Xornadas por un monte vivo
Día 1. Demostración, formación, divulgación, pastoreo e roteiro comunitario
Sábado 5 de outubro de 10:30 a 20:00 h
Campo Maneiro de Taragoña, Rianxo
10:30 Almorzo e benvida
10:45 Presentación das xornadas
Emilio Saborido e Miguel Rial, CMVMC do Fieitoso de Taragoña
Lourenzo Fernández Prieto, Universidade de Santiago de Compostela
Lucía Saborido, Plataforma pola Defensa do Monte
11:00 Visita guiada ao espazo demostrativo do Fieitoso
A cargo da CMVMC O Fieitoso de Taragoña
12:15 Sesión formativa para a resinación de piñeiros
A cargo da CMVMC Baroña
13:00 Obradoiro sobre a transformación de madeira con serradoiro portátil
A cargo da CMVMC Baroña
14:00 Xantar comunitario
A cargo da CMVMC O Fieitoso de Taragoña / Fousas ao monte
16:00 Pastoreo de cabras para a limpeza de terreos
A cargo da CMVMC O Fieitoso de Taragoña / Fousas ao monte
16:30 Roteiro comentado
Percorrido por zonas limpadas co rabaño ou cos traballos silvícolas, desde O Fieitoso ata Ourille, pasando por Paradela. Subida ata o Castro Barbudo para o recoñecemento do territorio. Duración aproximada de dúas horas e media. A cargo da CMVMC O Fieitoso de Taragoña, Fousas ao monte, e obaixoulla.gal (Asociación Os Penoucos)
19:00 Magosto. Festividade e música a cargo de agrupacións locais
Día 2. Traballo comunitario, charlas-debate e festividade
Domingo 6 de outubro de 9:30 a 19:00 h
Inmediacións do Centro cultural Vicente Vidal de Leiro, Rianxo
9:30 Traballos comunitarios en Leiro para a rexeneración de áreas degradadas pola presenza de acacia e eucalipto. A cargo da CMVMC Leiro e Montescola, colaboran centros escolares da zona.
9:30 Pintura mural no refuxio para as cabras e outras actividades enfocadas para nenos e nenas, que se desenvolverán en paralelo aos traballos comunitarios. A cargo da CMVMC Leiro e Montescola, colaboran centros escolares da zona.
13:30 Visita á plantación experimental de castiñeiros de Leiro. A cargo da CMVMC Leiro, coa intervención de Ánxela Miguens, presidenta da CMVMC Leiro e Beatriz Míguez Soto, técnica do CIF de Lourizán.
14:30 Xantar comunitario
A cargo da Fundación Montescola e a CMVMC Leiro
16:10 Presentación do tríptico de recomendacións para a eliminación de especies invasoras, elaborado pola CMVMC de Leiro
16:15 Presentación do libro do Laboratorio Cando eramos sostibles
Coa intervención de David Fontán, investigador do grupo HISTAGRA
16:30 Charlas e debate
Fina Fernández López, xenetista
Hai un futuro para o castiñeiro de madeira na Galiza Atlántica?
Xosé Carlos Castro García, axente facultativo ambiental da zona norte de Rianxo.
Retos para unha ordenación sostible do monte no Barbanza
Xosé Antón Araúxo, presidente da CMVMC de Couso
Modelo de xestión do monte comunal
Joám Evans Pim, director da Fundación Montescola
Mobilidade comunitaria e comunidades enerxéticas
Debate moderado por David Fontán, investigador do grupo HISTAGRA
18:00 Peche das xornadas
Intervén Rafael Saco, presidente da Plataforma pola Defensa do Monte
18:10 Festividade e música a cargo de agrupacións locais
A participación nos traballos comunitarios do domingo e o xantar posterior require inscrición. As persoas interesadas deben enviar un correo a info@barbanzaecosocial.org indicando o seu nome e apelidos, se desexa asistir ao xantar comunitario e, nese caso, alerxias ou intolerancias alimentarias.



