O Concello de Rianxo ponse mans á obra para impulsar a transformación do Pazo de Rianxiño en centro de día

04 Setembro 2024

O Concello de Rianxo está a definir as actuacións que serán acometidas no Pazo de Rianxiño para a posta en funcionamento dun Centro de Día. A concelleira de Política Social, Ana Vidal, e o concelleiro de Obras, Alberto Angueira, visitaron esta semana as instalacións de cara á redacción da proposta de actuacións que deberá ser avalada pola Xunta de Galicia. Acompañounos persoal técnico da Asociación AGADEA, centrada na atención aos maiores, a cal asesora ao Concello na proxección dos diferentes espazos necesarios nun centro de día.

Vidal destacou que “a posta en funcionamento deste equipamento tan necesario é un dos retos da lexislatura e durante os vindeiros meses traballaremos intensamente para que sexa unha realidade canto antes”. A edil engadiu que “non vai ser doado acometer as actuacións necesarias, mais é hora de dar un paso á fronte para que dunha vez por todas o Pazo de Rianxiño acolla o servizo para o que foi adquirido”.

Lembrar que a compra do Pazo para tal fin foi aprobada no seu día por todos os grupos da Corporación, en 2018. O Concello afrontou logo a adquisición do inmóbel por 1,6 millóns mediante un crédito e a colaboración da Deputación da Coruña. Porén, agora é preciso obter o financiamento preciso da Xunta para poñer en funcionamento o centro de día, despois da elaboración definitiva da proposta de actuacións, que é no que está a traballar agora o Concello. Recentemente o Executivo valorou en 700.000 o orzamento que se precisaría para o acondicionamento dun edificio que, malia atoparse en bo estado, require unha fonda transformación con vistas a adaptarse ás necesidades das persoas maiores e o persoal que no futuro lle darán uso.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

“A UE cara o primeiro Pacto Europeo dos Océanos”. Antón Luaces

O chipriota Costas Kadis, de 57 anos, será -se así o decide o Colexio de Comisarios- o próximo Comisario de Pesca e Océanos da Comisión Europea- A proposta de nomeamento parte da presidenta deste organismo da UE, Ursula von der Leyen, quen confía en que o político...