O Concello de Boiro leva a cabo unha nova edición das Escolas Deportivas Municipais para o curso 2024-2025. O alcalde, José Ramón Romero, e o concelleiro de Deportes, Marcos Fajardo, presentaron na mañá deste 13 de setembro o programa de actividades xunto co técnico de Deportes, Manuel González.

O programa de actividades está composto por propostas para nenos e nenas e persoas adultas en diversas modalidades deportivas gracias á colaboración cos clubs deportivos do municipio nas que o Concello de Boiro destina un total de 101.845,92 euros para sufragar gastos de monitorado, material deportivo e outras adquisicións necesarias para o desenvolvemento das actividades.
“As Escolas Deportivas Municipais son un piar fundamental das actividades que desenvolve o Concello de Boiro xa que engloban aos distintos clubs deportivos do municipio e ofrecen alternativas para todos os grupos de idade”, afirmou o alcalde, José Ramón Romero.
O programa formativo para persoas adultas engloba actividades como ximnasia para xubilados; o proxecto Boiro Actívate; tenis e tamén iniciación ao voleibol. Este ano comeza a impartirse unha actividade nova, de mantemento físico para persoas adultas ata 60 anos.
No caso do programa formativo infantil e xuvenil contén propostas como mellora da motricidade, tenis, ciclismo, atletismo, voleibol, xadrez, remo, piragüismo, baloncesto, tríatlon, natación, golf, vela ou patinaxe artístico.
“As Escolas Deportivas Municipais do Concello de Boiro cumpren con tres obxectivos fundamentais e que son os de promover o deporte en todas as modalidades, contribuír a unha mellora da saúde e favorecer a socialización de demais valores que promover o deporte”, afirmou o concelleiro Marcos Fajardo.
As inscricións para participar abren o luns e poden facerse no Departamento de Deportes do Concello de Boiro, situado na Casa da Cultura. Máis información na web municipal, no teléfono 981 84 84 25 ou o enderezo electrónico deportes@boiro.org.



