O Concello da Pobra inviste máis de 60.000 euros nos colexios para o inicio do curso 2024-2025

10 Setembro 2024

Comeza (este mércores) un novo curso escolar e para “dispor dunhas instalacións en óptimas condicións para escolares e docentes”, a brigada municipal dos colexios da Pobra estivo traballando durante todo o verán nunha serie de tarefas de acondicionamento nas escolas unitarias e nos centros de educación primaria: pintado, instalación eléctrica, zonas verdes… O investimento total realizado pola Concellaría do Ensino da Pobra do Caramiñal estímase que supera os 60.000 euros.

A edil responsábel desta Área, Amparo Cerecedo, apuntou que dende a Administración local “cumprimos os deberes” para o inicio do ano académico 2024-2025. Trátanse duns labores extraordinarios máis alá do mantemento que se realiza ao longo de todo o curso, solicitados pola comunidade educativa dentro da competencia municipal para a posta a punto dos centros de ensino da infantil e da primaria.

Máis polo miúdo, Carlos Abuín, coordinador da brigada dos colexios, debullou deste xeito as actuacións feitas: cambio de toda a instalación eléctrica da EEI Fernández Varela (28.000 euros), cambio da acometida de corrente na escola unitaria do Campo-A Angustia (18.000 euros), colocación de 140 metros de tarima no Vilariño, pintado dunha parte dunha aula da Granxa, renovación da pintura de tódolos corredores e varias aulas no CEP Pilar Maestú Sierra e, no CEP Salustiano Rey Eiras, pintado do portal, varandas, estrutura metálica da entrada, bordos e zonas de estacionamento, ademais de adecuación das zonas verdes en todos eles. “Case quedan tódalas demandas cubertas. Cousas que non puidemos facer, farémolas durante o curso”, dixo.

“Seguimos apostando por un ensino público e de calidade”, subliñou Cerecedo, cun compromiso que se reafirma coas axudas de escolarización, cun orzamento de 10.900 euros, destinadas a familias en condicións económicas e sociais desfavorábeis, e das que se beneficiarán 27 crianzas. Esta prestación vai en dúas vertentes: un bono para material escolar de 55 euros e o sufraxio do gasto do comedor escolar, con porcentaxes que oscilan entre o 35% e o 100%.

Porase novamente en marcha o servizo de atención socioeducativa Espazo nas Escolas, como indicou a concelleira; unha ferramenta mediante a cal unha psicóloga fai intervención semanalmente co alumnado, ademais de coas súas familias e profesorado, nos centros.

Outros artigos

Domingo 13, sol e temperatura alta

Durante o domingo agárdanse néboas matinais en zonas de interior, que darán paso a ceos despexados na metade oeste. As temperaturas mínimas sufrirán un lixeiro descenso, mentres que as máximas experimentarán un moderado ascenso ehgando ós 25-27 graos. Os ventos...

+

Dous feridos nun accidente de tráfico en Aguiño

Unha condutora e unha ocupante dun turismo Nissan resultaron feridas tras unha colisión frontolateral na estrada DP-7305, á altura de Aguiño. O accidente, no que tamén estivo implicado un vehículo Fiat, provocou que ambos os automóbiles envorcasen e terminasen en...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión