Cinco días de festa animarán a parroquia pobrense de Santa Cruz de Lesón

02 Setembro 2024

O Santísimo de Santa Cruz de Lesón vivirase do 6 ao 10 de setembro. Esta parroquia pobrense conta cunha axenda que conxuga a vertente relixiosa e lúdica, con actividades de lecer para tódalas idades. Na presentación do programa celebrada este 2 de setembro, a concelleira da Cultura, Patricia Lojo, felicitou á comisión de festas polo seu traballo ao contribuír a descentralizar o ocio do centro da localidade e levalo tamén ao rural.

“Dende o Concello da Pobra do Caramiñal agradecemos o labor de tódalas persoas que, de xeito altruísta, involúcranse para manter vivas as nosas tradicións e animar cada recuncho do noso municipio con distintas propostas. Nesta ocasión, o ambiente festivo estará nunha das nosas parroquias do rural. Como Administración local seguiremos apoiando estas iniciativas e estamos ao seu dispor para o que precisen”, manifesta a edil.

En representación da comisión de festas, o seu presidente, Javier Pouso, agradeceu a implicación de empresas, veciñanza e Administración local por axudar a sacar adiante esta celebración.

A música de Opendrink, Kolokón e DJ Jalaiko dará inicio ao cartel no venres 6, a partir das 20.00 horas, na pista da escola da Granxa.

Este lugar converterase nun fervedoiro de actividades no sábado 7. Haberá sesión vermú, ás 12.00 horas, con DJ Jalaiko. Xa pola tarde, disporase de inchables e xogos populares con agasallos para tódalas crianzas, ás 17.00 horas, e, das 19.00 horas en diante, serviranse mexilloada e empanadas de balde amenizada por Os Chispas, ademais da sesión a cargo de DJ Jalaiko e Maikstyle.

A Agrupación Municipal de Música e Baile Tradicional de Cuntis e o grupo de gaitas Xiada asumirán a ruada do domingo 8, a partir das 10.00 horas. Este último conxunto musical sumarase ao grupo de baile Lareteiros para anima-lo adro da igrexa no mediodía, ás 12.30 horas, para seguir Xiada coas pandeiretas Ruadiña logo de finalizada a misa solemne na honra do Santísimo de Santa Cruz de Lesón, coa súa posterior procesión, que se oficiará ás 13.00 horas.

O programa continuará cos actos relixiosos do luns 9, coa misa e procesión de San Roque, e do martes 10, coa misa e procesión de San Xosé. Ámbalas dúas serán ás 18.00 horas e contarán co acompañamento do grupo de gaitas Xiada.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

“Colleita 2026, máis galega” – Xosé González Martínez

Nunha mañá fría de xaneiro de 1936, ao pé do lume da lareira da Casa dos Ulloa, en Esposende (Ribadavia), Álvaro das Casas, escritor e dinamizador cultural do galeguismo, reuniu un grupo de colleiteiros do Ribeiro para propoñerlles a creación da Unión de Colleiteiros...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.